Xunta e Concello de Cospeito unifican criterios para a atención aos maiores

O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, reuniuse esta mañá co alcalde de Cospeito, Armando Castosa, para avaliar novas iniciativas e programas para a atención ás persoas maiores deste concello e promover un envellecemento activo e saudable entre a veciñanza.
Neste sentido, o director xeral lembrou que a Xunta de Galicia destinou o pasado ano máis de 260.000 euros para o financiamento dos bonos coidado no fogar deste concello. Trátase dunha achega de 5.000 euros anuais para aquelas persoas que prefiren ser coidadas nas súas casas por alguén da familia. Ademais, destacou que este concello conta tamén cun centro de día público, que presta unha atención diúrna a 40 veciños da contorna.
Antón Acevedo sinalou a importancia de impulsar novos programas de envellecemento activo e saudable para as persoas maiores, especialmente nos concellos máis rurais de Galicia. Así, indicou que a Xunta de Galicia segue traballando para garantir a mellor atención dos maiores no lugar que eles decidan.