Xunta e Concello instan á Deputación a traballar conxuntamente na recuperación de Caldaloba

TerraChaXa
Xunta e Concello de Cospeito instan á Deputación a traballar todos xuntos na compra e posterior recuperación da Torre de Caldaloba
torre de caldaloba cospeito
10 Ago 2022

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, mantivo unha reunión co alcalde de Cospeito, Armando Castosa, para analizar a comunicación que o pasado venres fixo a Deputación de Lugo sobre a adquisición da metade da Torre de Caldaloba, e a posibilidade de que o Goberno galego exerza ou non o seu dereito de tanteo nos próximos tres meses, dado que é un Ben de Interese Cultural (BIC), segundo recolle o artigo 49 da Lei de Patrimonio Cultural de Galicia

Arias considera que “a Deputación en vez de ir por libre, debería apostar por facer proxecto único e coordinado que sexa exemplo de cooperación interadministrativa” e insiste en que “para garantir o futuro deste BIC é necesaria a colaboración leal de todos”.  Por iso, salientou “ofrecemos ao resto de administracións a posibilidade de sentarnos á mesa para abordar este proxecto conxunto e así garantir o futuro desta parte importante do noso patrimonio”.

De feito, o delegado territorial lembrou que “este trámite xa o realizou o Concello de Cospeito en novembro do ano pasado, cando solicitou autorización á Xunta para adquirir a torre, unha actuación que meses mais tarde levou aparellado a sinatura dun convenio entre o goberno municipal e a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, cun orzamento de 100.000€, para a compra da torre”.

Javier Arias sostén que “A Xunta de Galicia quere tender a man ao resto de administracións para que se sumen ao proxecto conxunto, porque estamos convencidos de que a mellor vía para a preservación e o futuro da Torre de Caldaloba”. 

Proba do compromiso do Goberno galego pola recuperación e posta en valor deste ben é que “a administración autonómica ofrece, ao marxe do convenio asinado en xuño co Concello de Cospeito, financiación para a súa recuperación e posta en valor. 

O delegado territorial tamén lembrou que o Goberno galego xa actuou na Torre de Caldaloba no verán do pasado ano, cando levou a cabo unha serie de traballos de investigación arqueolóxica e levantamento topográfico coa finalidade de favorecer a súa caracterización espacial e funcional e de cara a próximas actuacións arqueolóxicas e de restauración. Tamén se traballou no deseño dunha visita guiada para dar a coñecer os valores deste BIC aos visitantes. Previamente, o Goberno galego realizou unhas importantes obras de consolidación da estrutura de cara a unha futura posta en valor. 

A torre é un dos máis de 700 BIC cos que conta Galicia, recoñecemento co que conta desde 1949. Tamén coñecida como Castelo de Vilaxoán, sitúase na parroquia de San Martiño de Pino. É de época medieval e está datado nos séculos XIV-XV, período do que se conserva en pé unicamente a Torre da Caldaloba. Ten unha importante significación histórica debido a súa relación coa revolta dos Irmandiños e co Mariscal Pardo de Cela.

0.19216895103455