Xunta e Deputación seguen sen chegar a un acordo sobre a xestión de Caldaloba

TerraChaXa
Segundo comunicou a deputada Iria Castro, seguirán adiante co proceso xudicial iniciado o pasado mes de abril
torre-de-caldaloba-cospeito
16 Jan 2026

"A Xunta de Galicia négase a un acordo coa Deputación de Lugo sobre a propiedade da Torre de Caldaloba e seguirá adiante co proceso xudicial que iniciou o pasado abril", así o indicou a deputada de Cultura, Iria Castro.

Esta explicou tamén que a Deputación de Lugo recibiu este martes unha comunicación do Xulgado sobre a postura da Xunta de Galicia, "que segue bloqueando as intervencións de restauración e posta en valor deste ben patrimonial proxectadas pola Vicepresidencia provincial tras adquirir a parte fundamental da edificación, en 2022".

A deputada lembrou que “a Xunta de Galicia non tivo ningún interese en Caldaloba ata que a Deputación adquiriu os terreos, hai xa máis de tres anos” e valorou “todos os pasos dados desde aquela polo goberno galego como unha estratexia para atrasar indefinidamente a restauración e posta en valor da Torre, que segue deteriorándose mentres a Xunta pon no Xulgado os esforzos que debería poñer na súa protección”.

O pasado 16 de abril -tres anos despois de que a área de Cultura comprara a parte fundamental da parcela na que se sitúa a Torre a un propietario particular – a Xunta de Galicia iniciou unha demanda contra a institución provincial pola propiedade dos terreos.

Co obxectivo de resolver da forma máis rápida posible a situación e priorizar a restauración do ben patrimonial, o 14 de outubro, na audiencia previa ao xuízo, a Deputación de Lugo solicitou a suspensión do procedemento de demanda e o inicio dunha negociación para acadar un acordo.

A proposta de acordo realizada pola Deputación de Lugo pedía á Xunta de Galicia que se comprometese a garantir e facer efectiva a protección, conservación, restauración e consolidación da Torre de Caldaloba, preservando o seu valor histórico e arqueolóxico, e que abonase á institución provincial o prezo de adquisición do ben -106.000 euros – así como os gastos de taxación, medición, rexistro e notaría -4.018,65 euros -.

⚙ Configurar cookies
0.080396890640259