Xunta e Goberno piden un acercamento de posturas entre Alcoa e Liberty

TerraChaXa | LugoXa
Hoxe celebrouse unha nova reunión telemática da mesa multilateral de Alcoa San Cibrao sobre o proceso de venda na que Xunta apeou ao acercamento de posturas entre Alcoa e Liberty House e, así, llo trasladou a Alcoa na reunión celebrada hoxe.
18 sep 2020

Hoxe celebrouse unha nova reunión telemática da mesa multilateral de Alcoa San Cibrao sobre o proceso de venda na que Xunta apeou ao acercamento de posturas entre Alcoa e Liberty House e, así, llo trasladou a Alcoa na reunión celebrada hoxe. Non existe ningún obstáculo insalvable para avanzar na venda da fábrica de aluminio.

Do nivel de implicación de todas as partes dependerá que se acade este obxectivo. É preciso respectar as negociacións entre empresas, pero Alcoa debe ser consciente de que debe achegar posicións con Liberty para formalizar o acordo de compra-venda, buscando puntos de encontro e arranxando as cuestións que dificultan o peche da operación.

A Xunta mostrou de novo o seu compromiso de colaborar, da man do Goberno central, para poñer sobre a mesa os mecanismos de financiamento cos que conta para permitir que Liberty House poida desenvolver o seu plan industrial. Ao mesmo tempo, é preciso que o Goberno tamén avance na aprobación de medidas necesarias para garantir un marco enerxético estable e competitivo para toda a industria electrointensiva galega e os 5.000 empregos asociados.

José Antonio Zan, presidente do comité, comunicou trala reunión mantida que"Xunta e Goberno central fixeron unha proposta de mediación a Alcoa a cal cremos que é a que debe seguir, e a cal vemos que é moi factible e moi boa tanto para Alcoa como para Liberty. AGora Alcoa terá que estudar esta proposta e outra que lle fixo Liberty, pero cremos que Alcoa debe deixar xa de bloquear toda a negociación porque para nos está actuando de moi mala fe e non está colaborando cos sindicatos ni con as administracións".

Pola súa banda, a CIG instou a Alcoa a abandonar "os seus plans de peche" e a desbloquear as negociacións con Liberty de cara a facilitar unha venda que garanta os empregos e a continuidade na fábrica sen parada das cubas.

Así llo demandou o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, que lle lembrou á multinacional que o pasado 13 de agosto, todas as partes acordaron traballar na proposta de mediación feita polas administracións. Esa proposta tomouse como punto de partida para que Alcoa aceptara "con vontade real" unha venda e polo tanto a continuidade insdustrial sen parada de cubas. "Pero o paso dos días demostra que o único obxectivo de Alcoa é consumir este tempo de prórroga para prefabricar unha exculpación polo fracaso das negociacións", dixo Carril.

As cinco reunións da mesa de seguimento evidencian que Alcoa está a por obstáculos imposibles para acadar a saída que nestes momentos está enriba da mesa: o proxecto industrial do grupo británico. Por iso, reclamoulle a Alcoa que "deixe de boicotear a negociación alegando demandas imposibles por parte de Liberty, como dispor dun contrato de subministros de alúmina máis alá dos cinco anos, tendo en conta que Alcoa aterrizou no estado español reclamando garantías, subministros e prezos por prazos moi superiores", engade Carril.

De igual xeito, criticou que Alcoa insista tanto nos custes d esepración cando estes teñen que ver con cuestións relativas a concesións ou permisos que dependen das administracións públicas. "Para que esta operación vaia adiante necesitase unha vontade de vender que parece que Alcoa non ten", dixo o secretario da CIG.

Por outra banda, a CIG preocúpalle que Alcoa teña máis preocupación por preparar un escenario de paradas das cubas que por traballar de forma decidida pola continuidade da produción". Non imos consentir que se traslade posible fracaso das negociacións á mesa laboral ou que se queira precipitar todo á mesa negociadora do ERE o vindeiro 28 de setembro", advertiu Carril.

Finalmente, Paulo Carril instou a demandar de Alcoa que acepte a mediación das administracións "porque doutro xeito estades dinamitando o acordo que suscribimos o 13 de agosto".

O domingo 27 rematada o prazo que se concederon Alcoa e Liberty para acadar un acordo para a venda da fábrica de aluminio.

0.087593078613281