Xunta e Seara abordan nunha reunión as medidas postas en marcha para fomentar a empregabilidade na comarca

TerraChaXa
Na reunión tamén se falou da necesidade de avanzar na flexibilidade da formación para o emprego co gallo de adaptala ás demandas das empresas
empregabilidade-as-pontes-xunta-seara
8 Jan 2026

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, tratou con representantes da Asociación empresarial Seara —que aglutina negocios das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal— as medidas autonómicas postas en marcha para afianzar o emprendemento e o emprego nesa contorna.

Na xuntanza, abordouse así o proxecto da Xunta ActivaVerde —que busca a recualificación profesional e a empregabilidade das persoas afectadas polo peche das centrais térmicas de Meirama e As Pontes—, o asesoramento dispoñible no Polo de emprendemento de Ferrol —nas súas novas instalacións, en sinerxía cos servizos camerais recuperados na comarca a través da Cámara de Comercio da Coruña— ou o plan autonómico de atracción de talento orientado ás persoas retornadas e ás procedentes de terceiros países, co gallo de avanzar na cobertura das vacantes laborais existentes en bisbarras como as mencionadas.

Na reunión tamén se falou da necesidade de avanzar na flexibilidade da formación para o emprego co gallo de adaptala ás demandas das empresas, para o que a Xunta está afondando —segundo destacou o secretario xeral— na redefinición das propostas dirixidas tanto a persoas desempregadas como as ocupadas, que están a ser aprobadas estas semanas de cara á súa convocatoria o ano próximo e que se completarán co avance na coordinación entre estas accións formativas e os apoios á inserción laboral.

Pablo Fernández aproveitou para facer fincapé noutras axudas do Goberno galego como a orde única para autónomos que estará dotada en 2026 con preto de 41 M€, que aumentará ata os 1,5 M€ o Bono Remuda e estenderá ata os 24 meses a cota cero para novas altas na agricultura, na gandaría ou na silvicultura.

⚙ Configurar cookies
0.060712814331055