Xurxo Alonso e Mariña Maceira gañan o certame de poesía Torre de Caldaloba
O escritor Xurxo Alonso, de Vilagarcía de Arousa, co poemario Hora de penumbra na categoría de maiores de 18 anos, e a pontevedresa Mariña Maceira Segovia, coa obra Unha fraga de laios, na de menores de 18, foron os gañadores do II Certame de Poesía Torre de Caldaloba, que convocan o Concello de Cospeito e a Asociación Recreativa de San Martiño de Pino coa colaboración de Culturalia GZ.
O xurado do concurso nesta edición estivo integrado por Martiño Maseda, Ana Mar Fraga, Montserrat González, Xosé Otero Canto e Armando Requeixo. Sobre o poemario gañador destacaron "a solidez da arquitectura versal, as poderosas imaxes e símbolos que deitan os poemas e a forza simbólica empregada no discurso", que lle suporá ao autor os 1.500 euros do premio.
Pola súa banda, sobre o poema de Mariña Maceira destacaron a "delicada inxeleza e o realismo e a emotividade, xunto coa súa chamada ao espertar das conciencias". A gañadora, de 14 anos recibirá de premio un lote de libros e unha tablet.
O segundo premio na categoría de adultos recaeu en De casa queimada, de Iria Collazo (Moaña), e en menores de 18 anos foi para E sigo pensando en ti, da monfortina Sandra Rodríguez.
A organización lembrou que nesta segunda convocatoria con concorreron máis de 30 orixinais, e adiantaron que os premios se entregarán o 14 de decembro no local social de Pino.
Previamente, o 5, terá lugar en Cospeito a presentación dos libros gañadores na categoría de adultos da primeira edición do certame, que edita Alvarellos: Caldaloba en terras de Valverde, de Xesús Rábade Paredes, e Na pel das árbores do vento, de Paulino Peña.