Xurxo Alonso García gaña de novo o premio Torre de Caldaloba
O VI Certame de Poesía Torre de Caldaloba, convocado polo Concello de Cospeito e a Asociación Recreativa e Cultural de San Martiño de Pino, en colaboración con Culturalia GZ, xa ten obras gañadoras.
O xurado de dito certame fallou por maioría de votos conceder o primeiro premio da categoría de 18 anos en diante á obra Non deixedes na mesa nin leite nin pan, cuxa autoría, unha vez aberta a plica, corresponde a Xurxo Alonso Gracía por “ser un poemario onde a palabra xorde como unha fervenza que escorrega polo regueiro da ausencia".
E o segundo premio recaeu na obra Vaira e Cristal, cuxo autor é Paulino Peña Álvarez, da que dixo o xurado que se trataba "dun poemario en verso breve que destaca pola capacidade de entregar ao lector unha memoria aínda intacta de vivencias pasadas, grazas tamén á eficacia dunha linguaxe culta e refinada".
A entrega de premios está prevista para o vindeiro sábado 2 de decembro, no local social de Pino, lugar onde se sitúa a Torre de Caldaloba.
O xurado estivo composto por Armando Requeixo, Maurizio e Xosé Otero Canto, actuando como secretario, con voz mais sen voto, Martiño Maseda.