Yolanda Castaño realizará un taller poético no IES Basanta Silva

A Biblioteca Agustín Fernández do IES Santiago Basanta Silva participa un ano máis no programa Lectura e Familias, unha iniciativa que busca fomentar o hábito lector tanto no alumnado como nas súas familias a través de actividades abertas e participativas.
Nesta ocasión, a Biblioteca contará coa presenza destacada de Yolanda Castaño, Premio Nacional de Poesía 2023, quen impartirá o obradoiro titulado A poesía non morde! o xoves 15 de maio ás 18:30 horas. A actividade será de acceso libre e está dirixida a todo o público interesado, cun enfoque divulgativo e dinámico.
O obradoiro propón unha aproximación ao xénero poético que pretende desmontar prexuízos, tópicos e estereotipos arredor da poesía. A recoñecida autora achegará aos asistentes á creación poética a través de exemplos, experiencias persoais, interacción co público e a recitación dalgúns dos seus poemas. Como colofón, realizarase a composición dun poema colectivo elaborado coas achegas das persoas participantes.
Desde o centro anímase á comunidade educativa e á veciñanza a participar desta experiencia única e enriquecedora, lembrando que a poesía pode estar moito máis preto do que pensamos.