Animais e calor

Estamos en época estival e nesta época é cando alcanzamos maiores temperaturas. Nese caso, os perigos que nos atopamos son varios.

Deshidratación: é a perda de auga corporal tanto extracelular como intracelular. Esta pode deberse a feitos como a sudoración, que é un mecanismo polo que se xera unha capa húmida na superficie da pel para que se evapore e reduza a temperatura corporal, ou o xadeo nos cans. Esta perda de líquidos leva tamén á perda de minerais como o sodio e o potasio.

A perda de líquidos fai que o sangue se espese e se reduza o volume de ouriña. Nos casos de deshidratación veremos nos animais mareos, incoordinación, taquicardias e espasmos musculares sendo unha das consecuencias máis comúns o fallo renal co conseguinte prognóstico fatal. E a perda de electrólito (potasio e sodio) asociada á deshidratación leva a alteracións do nivel consciente, así como alteración na contractilidade cardíaca.

Para evitalo os animais sempre deben ter acceso a auga ad livitum, é dicir a libre dispor, que estea fresca e limpa -o ideal son bebedeiros conectados á rede, mellor que os caldeiros ou similares-.

Estrés térmico: de gran importancia no vacún leiteiro, é unha combinación entre varios factores. A temperatura elevada sumada a unha temperatura corporal máis elevada que en razas de carne -isto débese a un metabolismo máis activo para producir leite- fai que diminúan a súa inxesta de alimento -coa conseguinte diminución do metabolismo- e iso redunda nunha baixada da produción de leite.

As medidas que debemos tomar son: xerar sombra. O máis recomendable no caso dos animais son as árbores caducifolias, xa que ademais de protexer do sol reducen a radiación solar pola evotranspiración das follas. Así, iso de talar os carballos e castiñeiros dos nosos prados, moi boa idea non é.

No caso das cortes, hai que facilitar a ventilación se non se pode facer mediante fiestras, farémolo axudado de ventiladores que axuden a facer circular o aire e reducir a sensación térmica.

Os nebulizadores de auga xeran o efecto “ suor” e combinados coas correntes de aire axudan a baixar a temperatura.
Golpe de calor: a consecuencia máis grave dos danos por calor. Este prodúcese cando a temperatura corporal supera os 41º e de forma xeral soen presentar signos de fallo orgánico, ben a nivel neurolóxico ou outro sistema. Este pode clasificarse en clásico -exposición nun ambiente cálido e húmido- ou por esforzo -asociado a actividade física intensa-. A miúdo soen estar asociados.

Nunca deberemos deixar o can no coche. Un coche pode chegar a poñerse a 50 graos no seu interior despois dunha pequena exposición ao sol.

O verán presenta múltiples riscos -calor, deshidratación, golpes de calor- aos que hai que engadirlles certas peculiaridades de especie e raza. Por exemplo, nos cans de razas braquicéfalas (boxer ou bulldog) ao ter alterado o paso do ar pola súa forma de cabeza, teñen máis tendencia a padecer golpes de calor pola dificultade ao xadear. Outro grupo a ter en conta son os animais de capa negra ou escura xa que absorben máis a radiación solar e poden “quentarse de máis” como ocorre ás veces cando por outros motivos deben permanecer ao sol.

As razas de produción de leite sofren máis o calor xa que teñen un metabolismo máis acelerado e teñen unha temperatura corporal máis alta. Por último, os ranchos quéimanse con moita facilidade e termorregulan moi mal –xa que non súan- co cal o seu sitio ideal sería un terreo con árbores caducifolios e algunha poza para bañarse. De feito, a lama serve como protección solar e fronte aos insectos.

Breixo González
Chairegos Servizos Veterinarios

Etiquetas