Vacacións en familia

Nas conversas sobre as vacacións aparecen con frecuencia as palabras desconectar e descansar como o obxectivo a acadar neses días. Isto que parece tan doado, pode complicarse bastante cando hai nenos e/ou adolescentes na casa.
Como case sempre, non existen receitas máxicas que fagan que as vacacións se desenvolvan dun xeito tranquilo e relaxado, pero si podemos empregar diferentes ferramentas para que eses días de descanso familiar non acaben co estrés engadido de rifas e enfados.

O ideal é planear as vacacións en familia e con suficiente antelación. Tanto se pensamos ir ao pobo do lado como se estamos a pensar nunha viaxe máis longa é importante ter en conta, ademais do orzamento, a etapa na que se atopan os cativos e a cantidade de horas que queremos empregar nos desprazamentos. Se os nenos son aínda pequenos, o mellor é elixir destinos próximos e de acceso doado que permitan cargar durante non moito tempo con todos os accesorios que precisemos e voltar axiña se é necesario. No caso dos adolescentes é importante facerlles sentir partícipes da planificación, evitaremos así uns cantos “¡que rollo!” ante calquera proposta que formulemos. Isto non implica que deixemos que impoñan os seus desexos pero si que teñamos en conta a súa opinión. En todo caso, vaiamos onde vaiamos é bastante útil deixar claras unhas normas e recollelas por escrito antes de comezar as vacacións. Recordemos que moitos nenos e adolescentes teñen a capacidade de recordar a máis mínima cousa de fai tres meses e esquecer unha petición de fai dez segundos. Cousas da idade. Deixar pechados temas relacionados cos horarios de chegada ou de estudio (se é o caso), actividades a desenvolver en familia, ou cantidade de tempo que se lle adicará ao móbil… son aspectos que debemos aclarar antes de iniciar a viaxe xa que é unha boa maneira de evitar discusións ou ter que entrar en complicadas negociacións veraniegas.

Estruturar os días de vacacións segundo as actividades que se van facer soe dar bo resultado porque permite que os nenos e adolescentes se poidan organizar e saiban que se vai facer cada día. Iso si, debemos ter certo grao de flexibilidade e contar cun plan B por se o tempo non acompaña ou aparece algunha complicación.

Tamén debemos aproveitar as vacacións para que os nenos aprendan a xestionar o seu tempo e descubran novos intereses máis alá da tablet ou da tele. En moita ocasións sentimos que estamos a fracasar se non temos un arsenal de actividades coas que silenciar os “me aburro” dos nenos. Deixemos que sexan eles mesmos os que busquen novas formas de entreterse, que habelas, hainas.

As vacacións poden supoñer un verdadeiro reto para moitos pais, pero tamén serven para estreitar vínculos e coñecer aos cativos un pouco mellor nun ambiente máis distendido. Compartide afeccións, facede algunha cousa nova, amosade interese polos seus gustos e deixádelle tempo para que desenvolvan a súa autonomía.

E sobre todo, descansade e desconectade que setembro está aí o lado.

Lara Real
Psies Psicoloxía.

Etiquetas