A Xunta apoia a reparación do depósito de abastecemento de auga en Fonmiñá co Fondo de Compensación Ambiental

Depósito de auga potable en Fonmiñá (A Pastoriza).

Depósito de auga potable en Fonmiñá (A Pastoriza).

A Vicepresidencia, Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza subvencionará ao Concello da Pastoriza para que repare dous depósitos que fornecen á rede de abastecemento de auga potable de Fomniñá.

Así o explicou este mércores 30 de agosto o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, quen aclarou que a achega autonómica -que se corresponde con preto do 80 por cento do investimento total necesario, isto é, case 25.000 euros- suporá unha mellora significativa para a rede de auga potable da que se benefician os veciños deste concello.

A antigüidade dos depósitos fai que presenten numerosas perdas de auga polo que o proxecto contempla, entre outras accións, a súa impermeabilización interior, para así garantir a estanquidade. Ademais a mellora evitará a necesidade actual de cloración, que pode ser de incluso dúas veces ao día, para manter a calidade no caudal demandado.

Os depósitos están emprazados na parroquia de Pousada, situada no lugar de Vilagormar, e ademais dos veciños desta zona fornecen tamén a moitas das vivendas das parroquias veciñas, ademais de ser un elemento chave do conxunto da rede de abastecemento municipal.

A Xunta segue a colaborar cos concellos galegos impulsando novas obras e servizos e un xeito de levar adiante estes apoios é a través do Fondo de Compensación Ambiental, que xestiona Vicepresidencia, Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e que está vinculado ao canón eólico.

Etiquetas