Chegou a “rentrée”… a tortura continúa e a igualdade sen chegar!

Hai apenas dous meses falaba neste mesmo medio do esgotamento que supón para unha gran maioría de mulleres esa “posta a punto” de cada ano para saír de vacacións con un aspecto digno de aparecer en calquera revista de moda.

Por se ser muller non estivera xa gravado dabondo cos escollos que temos que sortear no noso día a día para demostrar que esa igualdade que din que xa acadamos é un feito, a sociedade, os medios de comunicación, e o entorno en xeral nos inculcan coas súas mensaxes mais ou menos explícitas que, malia que nos digan que homes e mulleres somos iguais, nós as féminas temos que lucir sempre perfectas e desexables.

Cando se achegan as vacacións de verán, é unha das datas do ano no que isto se fai mais evidente, e para non poucas mulleres comeza unha auténtica carreira de fondo que adoita comezar con unha dieta que de puro hipocalórica lles fai estar cada día no limiar da lipotimia, ademais de con unha fame negra, para seguir coa depilación radical que lles deixe todo o corpo como o cuiño dun bebé, o bronceado impecable que semelle que viviches todo o ano en Miami Beach, pasando polo acondicionamento dunha espectacular melena e a adquisición de todo tipo de potingues para manterse impecables unha vez no destino vacacional, sen esquecer, por suposto, un vestiario que lles proporcione un “casual look”, pero perfectamente estudado e no que non falte detalle.

Durante quince días ou un mes como moito, agás algunha que outra privilexiada, poderán lucir o resultado de toda esa maratón estética, sen descuidarse, claro, sobre todo nos derradeiros días, no que todo ese traballo xa comeza a deslucirse un chisco.

E, de súpeto, chega o día da volta a rutina. Iso ao que as revistas de moda lle chaman “rentrée”, e, ao mesmo tempo que amosan as novas tendencias para a tempada que está a comezar, lanzan o recordatorio de que xa é o momento de reparar os desperfectos que as vacacións ocasionaron. Os quilos gañados por mor das tapiñas e as cañas do chiringuito. A pel requeimada polo sol ao que se expuxeron case a xornada completa co fin de potenciar o que xa conseguiran a base de moitos sudores no solarium de turno e esas marabillosas mechas surfeiras, que de tanto sol e salitre mudaron nunha confusa cor entre o verde herba e o amarelo palla teñen que ser reparadas de urxencia sen que deixen nin rastro, sen esquecer eliminar de novo eses peliños habilmente depilados pero que xa hai días que comezan a asomar……Volta a pasar fame, a embadurnarse con toda clase de potingues, e a gastar unha pasta gansa. Porque esa é outra. Toda esta odisea de beleza non sae precisamente barata e, aínda por riba, hai que apretar o cinto porque as vacacións, xa se sabe, deixan os petos baleiros ou mesmo con furados e os gastos da volta non son poucos: colexios, libros, roupa, etc, etc.

Eu pregúntovos: e que pasa cos homes?. Alguén viu algunha publicación, algún programa de televisión…algo, en definitiva, nos que se lles recomende, ou, mellor dito, se lles impoña semellante vía crucis?. Por que non me digades que non chega a ser un verdadeiro vía crucis!.

E por qué, para qué?. Porque somos mulleres e a nosa obriga e gustar e estar atractivas para o mundo en xeral pero, por riba de todo, para os nosos homes. Este é soamente un aspecto desa igualdade que xa está aquí, seica.
E o peor de todo na miña opinión, non son esas inxustas imposicións, senón o xeito como nós, as mulleres, as asumimos e apandamos con elas.

E non soamente iso. E que, entre nos, as propias mulleres, miramos mal a aquelas que non se pregan a esta tiranía. Non está ben visto que estar branca en agosto cha traia ao pairo e que non renuncies a un par de cañas coas súas boas tapas soamente porque unha lorza traidora asome por algún lado para delatar que non es unha sílfide….E que non te coidas nada e es pouco feminina!.

Que ninguén me malinterprete. Coidarse, que che guste estar en forma ou ir arranxada non é malo. Claro que non. Pero por iso, porque che gusta, non porque a sociedade, unha sociedade machista que ás veces nos rebaixa a categoría de meros obxectos, nolo impoña e nos transmita unha e outra vez, machaconamente, que a nosa obriga como mulleres é gustar aos homes.

E mentres isto non mude, mentres nós mesmas non teñamos claro que non somos bonecas nin xoguetes para o disfrute de ninguén, que somos persoas cos mesmos dereitos e as mesmas obrigas que os homes, esa pretendida igualdade será soamente iso… pretendida, pero nunca real.

Marta Rodríguez Engroba
Asociación Sí, hai saída.

Etiquetas