Skip to main content
Colaboracións TERRACHÁXA

Por terras escocesas

Por 12 Setembro, 2017Outubro 28th, 2017Sin comentarios

Hai xusto un ano, nesta mesma columna reflexionaba en relación a un país que acababa de visitar durante doce días, Irlanda, concretamente a súa parte máis occidental. O seu carácter celta e outras particularidades socio económicas invitaban a establecer paralelismos coa nosa Galicia.

Este verán tocou Escocia, concretamente a zona sur. A fórmula de estar no país, idéntica á experiencia irlandesa, por medio do programa de voluntariado “Workaway” -do que falaremos noutra ocasión-, unha iniciativa estendida por todo o mundo e que de maneira moi resumida consiste en que unha persoa é acollida nunha casa por unha familia a cambio de traballar unhas horas nun determinado proxecto.

E de novo, un non pode pasar a ocasión de describir e valorar o que viu e o que lle contaron durante apenas dúas semanas. En primeiro lugar, como non… cómpre falar do tempo, e este non defraudou, tódolos días chovendo, ou case. Consecuencia, a cor verde que temos aquí na primavera, mantense alí na seguinte estación. Enormes prados con copiosa herba que pacían cabanas de ducias de ovellas e vacas. Seguindo coa paisaxe, un bosque que combinaba especies de folla caduca, incluíndo carballos e ameneiros, ata algunhas plantacións de piñeiros con evidente finalidade de comercializalos. Non se divisaban eucaliptos, porque parece ser que non se dan. Unha mágoa. Tampouco existen lobos nin xabarís –non entraremos a valorar se é positivo ou non-.

Como calquera outro lugar, Escocia ten a súa propia historia. Era un reino que decidiu incorporarse ó conxunto da Gran Bretaña hai algo máis de tres centos anos, aínda que os seus habitantes manteñen un nada disimulado carácter identitario, cun forte apego ós seus costumes e tradicións. Recentemente, convocouse un referendo para que os escoceses decidisen se querían ser un estado independente, ou pola contra seguir pertencendo a Gran Bretaña, xunto a Inglaterra, Gales e Irlanda do Norte –ademais de Xibraltar, as illas Malvinas e outras colonias-. Todos lembramos que desde esa supraestrutura chamada Unión Europea, á cal nosoutros tamén estamos agregados, facíanse chamamentos para que o resultado que saíse desa votación fose o non. O triunfo do si suporía que os escoceses deixarían de ser británicos, pero tamén terían pechadas as portas para un futuro ingreso na Unión Europea. Énchesenos a boca de democracia, pero sempre que se dean os resultados que nosoutros queremos. Finalmente, o electorado escocés decidiu por unha diferenza de dez puntos porcentuais continuar no Reino Unido. Meses despois, un referendo no conxunto deste estado membro onde se lles preguntaba ós seus cidadáns se querían continuar na Unión Europea ou saír dela. Xa sabemos cal foi a decisión: O “Bréxit”. Curiosamente, en Escocia máis dun sesenta por cento dixo que non, é dicir, que querían ser parte da Unión Europea. Pero como a maioría optou por saír … agora todo un economía como é a británica estará fora dese gran clube.

Escocia, independentemente da súa forma xurídica, é unha realidade nacional cun gran futuro, xa que atesoura unha consolidada industria siderúrxica, explotacións petrolíferas no seu mar do Norte e está a ser un destino turístico importante. As taxas de paro, entorno ó cinco por cento.

Tamén, ó igual que Irlanda, xera certa envexa. E iso, a pesares do clima.

Pablo Veiga