Xermade será durante tres días un espazo de formación e exhibición do torneado da madeira

O XVII Encontro Internacional de Torneiros da Madeira converterá, do 22 ao 24 de setembro, a Xermade nun espazo de formación e exhibición de referencia do sector artesán galego.

A iniciativa -organizada polo Concello de Xermade e conta coa colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño e a Deputación Provincial de Lugo que achega 3.000 euros- ten como eixe principal o oficio do torneado de madeira e, nesta edición, contará coa presenza de catro expertos e profesionais da artesanía: a inglesa, Margaret Garrard; o suízo, Jérôme Blanc; o vigués, Adrián Pena; e o veciño das Pontes, Lolo Castro. Estes mestres da tornaría realizarán demostracións en vivo e compartirán as súas técnicas cos asistentes. Ademais, haberá postos de venda de maquinaria, ferramentas artesanais, publicacións e camisetas conmemorativas, así como exposicións de pezas torneadas en anteriores edicións. As pezas máis estéticas e mellor elaboradas desta edición, serán seleccionadas para a exposición itinerante CONtornos 2016-17.

Representantes do Concello, a Deputación e a Xunta xunto aos torneiros participantes na inauguración do XVII Encontro Internacional.

Representantes do Concello, a Deputación e a Xunta xunto aos torneiros participantes na inauguración do XVII Encontro Internacional.

Os torneiros participantes inauguraban o XVII Encontro coa presenza do alcalde de Xermade, Roberto García Pernas; a xerente da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, Elena Fabeiro; e a deputada de Cultura, Deseño e Artesanía, Pilar García Porto que subliñou que “dende o Goberno da Deputación, un ano máis, colaboramos co Concello de Xermade e cos mestres torneiros que participan nesta xuntanza, consolidada no tempo, co fin de difundir e promocionar os oficios tradicionais que caracterizan a nosa cultura. Esta é, precisamente, unha das liñas de actuación do Plan Estratéxico de Turismo, no que se enmarca a achega económica que dende o Executivo Provincial facemos ao encontro, na posta en valor das tradicións deste municipio, promovéndoo e contribuíndo a súa dinamización económica e social, pois durante estes 3 días, máis de 3.000 persoas participarán na xuntanza”.

Encontros Internacionais de Torneiros
Os Encontros Internacionais de Torneiros naceron en 2001 na Aldea Artesán de A Fraga, no Concello de Xermade, coa intención de recuperar do esquecemento un oficio tradicional en Galicia, documentando as ferramentas, maquinaria, materias e técnicas de traballo, para logo dalas a coñecer ao maior número de persoas. Unha das finalidades didácticas que persegue este evento é divulgar os valores do oficio, algo que está a ter resultados satisfactorios, pois o público asistente, ten cada vez mais argumentos para diferenciar artesanía e industria. Durante os 3 días que dura o encontro, reúnense profesionais e afeccionados para compartir experiencias e coñecementos, ao tempo que se achega ao público en xeral o mundo da tornaría.

Inauguración do XVII Encontro Internacional de Torneiros da Madeira en Xermade

Inauguración do XVII Encontro Internacional de Torneiros da Madeira en Xermade

Programación de actividades
Sábado, 23 de de setembro: (de 14:00-16:00 péchanse as actividades).
– De 10:30 a 14:00 horas: Demostracións para inscritos, Margaret Garrard, Jérôme Blanc, Adrián Pena, Manuel Castro.
– De 10:30 a 19:30 horas: Exposición e venda de maquinaria, ferramentas e publicacións. Exposición de pezas torneadas aportadas polos participantes. CONtornos, exposición itinerante de madeira torneada 2016-17.
– De 16:00 a 18:00 horas: Demostracións para o público por parte de Margaret Garrard, Jérôme Blanc, Adrián Pena, Manuel Castro.
– De 16:00 a 19:30 horas: Espazo de iniciación o torneado supervisado por monitores.
– De 18:00 a 19:30 horas: Escolma das pezas para a exposición itinerante CONtornos 2017-18.

Domingo, 24 de setembro: (de 14:00-16:00 péchanse as actividades).
– De 10:30 a 14:00 horas: Demostracións para o público por parte de Margaret Garrard, Jérôme Blanc, Adrián Pena, Manuel Castro.
– De 10:30 a 14:00 horas: Exposición e venda de maquinaria, ferramentas e publicacións. Exposición de pezas torneadas aportadas polos participantes. CONtornos, exposición itinerante de madeira torneada 2016-17.
– De 10:30 a 14:00 horas: Presentación da exposición itinerante CONtornos 2017-18.
– Ás 13:00 horas: Clausura do XVII Encontro de Torneiros da madeira de Xermade.

Etiquetas

Publicidade

Axenda

Publicidade

Todos os artigos e novas da anterior web están agora aquí: