Xermade será durante tres días un espazo de formación e exhibición do torneado da madeira

TerraChaXa
O XVII Encontro Internacional de Torneiros da Madeira converterá, do 22 ao 24 de setembro, a Xermade nun espazo de formación e exhibición de referencia do sector artesán galego.
inauguracion encontro torneiros17
inauguracion encontro torneiros17
22 sep 2017

O XVII Encontro Internacional de Torneiros da Madeira converterá, do 22 ao 24 de setembro, a Xermade nun espazo de formación e exhibición de referencia do sector artesán galego.

A iniciativa -organizada polo Concello de Xermade e conta coa colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño e a Deputación Provincial de Lugo que achega 3.000 euros- ten como eixe principal o oficio do torneado de madeira e, nesta edición, contará coa presenza de catro expertos e profesionais da artesanía: a inglesa, Margaret Garrard; o suízo, Jérôme Blanc; o vigués, Adrián Pena; e o veciño das Pontes, Lolo Castro. Estes mestres da tornaría realizarán demostracións en vivo e compartirán as súas técnicas cos asistentes. Ademais, haberá postos de venda de maquinaria, ferramentas artesanais, publicacións e camisetas conmemorativas, así como exposicións de pezas torneadas en anteriores edicións. As pezas máis estéticas e mellor elaboradas desta edición, serán seleccionadas para a exposición itinerante CONtornos 2016-17.

Os torneiros participantes inauguraban o XVII Encontro coa presenza do alcalde de Xermade, Roberto García Pernas; a xerente da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, Elena Fabeiro; e a deputada de Cultura, Deseño e Artesanía, Pilar García Porto que subliñou que “dende o Goberno da Deputación, un ano máis, colaboramos co Concello de Xermade e cos mestres torneiros que participan nesta xuntanza, consolidada no tempo, co fin de difundir e promocionar os oficios tradicionais que caracterizan a nosa cultura. Esta é, precisamente, unha das liñas de actuación do Plan Estratéxico de Turismo, no que se enmarca a achega económica que dende o Executivo Provincial facemos ao encontro, na posta en valor das tradicións deste municipio, promovéndoo e contribuíndo a súa dinamización económica e social, pois durante estes 3 días, máis de 3.000 persoas participarán na xuntanza”.

Encontros Internacionais de Torneiros
Os Encontros Internacionais de Torneiros naceron en 2001 na Aldea Artesán de A Fraga, no Concello de Xermade, coa intención de recuperar do esquecemento un oficio tradicional en Galicia, documentando as ferramentas, maquinaria, materias e técnicas de traballo, para logo dalas a coñecer ao maior número de persoas. Unha das finalidades didácticas que persegue este evento é divulgar os valores do oficio, algo que está a ter resultados satisfactorios, pois o público asistente, ten cada vez mais argumentos para diferenciar artesanía e industria. Durante os 3 días que dura o encontro, reúnense profesionais e afeccionados para compartir experiencias e coñecementos, ao tempo que se achega ao público en xeral o mundo da tornaría.

Programación de actividades
Sábado, 23 de de setembro: (de 14:00-16:00 péchanse as actividades).
- De 10:30 a 14:00 horas: Demostracións para inscritos, Margaret Garrard, Jérôme Blanc, Adrián Pena, Manuel Castro.
- De 10:30 a 19:30 horas: Exposición e venda de maquinaria, ferramentas e publicacións. Exposición de pezas torneadas aportadas polos participantes. CONtornos, exposición itinerante de madeira torneada 2016-17.
- De 16:00 a 18:00 horas: Demostracións para o público por parte de Margaret Garrard, Jérôme Blanc, Adrián Pena, Manuel Castro.
- De 16:00 a 19:30 horas: Espazo de iniciación o torneado supervisado por monitores.
- De 18:00 a 19:30 horas: Escolma das pezas para a exposición itinerante CONtornos 2017-18.

Domingo, 24 de setembro: (de 14:00-16:00 péchanse as actividades).
- De 10:30 a 14:00 horas: Demostracións para o público por parte de Margaret Garrard, Jérôme Blanc, Adrián Pena, Manuel Castro.
- De 10:30 a 14:00 horas: Exposición e venda de maquinaria, ferramentas e publicacións. Exposición de pezas torneadas aportadas polos participantes. CONtornos, exposición itinerante de madeira torneada 2016-17.
- De 10:30 a 14:00 horas: Presentación da exposición itinerante CONtornos 2017-18.
- Ás 13:00 horas: Clausura do XVII Encontro de Torneiros da madeira de Xermade.

Inauguración do XVII Encontro Internacional de Torneiros da Madeira en Xermade
0.18588185310364