Skip to main content
Actualidade

O Goberno da Deputación reclama á Xunta retirar o anteproxecto de lei que recorta servizos sanitarios a 130.000 lucenses

Por 23 Setembro, 2017Sin comentarios

O Goberno da Deputación insta á Xunta de Galicia a retirar o seu anteproxecto de lei co que busca recortar servizos sanitarios nas áreas da Mariña e Lemos, prexudicando aos 130.000 lucenses cuxos hospitais de referencia son os de Burela e Monforte.

Faino a través da moción que presenta dende o Grupo Provincial Socialista ao vindeiro Pleno, que terá lugar o martes 26 de setembro, coa que tamén reclama ao Executivo autonómico desenvolver e dotar de orzamento á actual Lei de Saúde para verdadeiramente ofrecer aos veciños os servizos sanitarios públicos que necesitan.

O Goberno Provincial pide ademais á Xunta a creación dun grupo de traballo, que inclúa representantes de todos os partidos políticos con representación no Parlamento de Galicia, FEGAMP, sindicatos, asociacións de pacientes, colexios profesionais de sanidade e outros colectivos de referencia no eido sanitario galego, para determinar as posibles necesidades de modificación da lexislación sanitaria.

O obxectivo é que este grupo elabore un informe de conclusións, que sexa de acceso público e que propoña as posibles melloras normativas no sistema sanitario galego.

A proposta do Grupo Provincial Socialista, como formación que conforma o Goberno da Deputación de Lemos, será debatida na sesión plenaria do martes. De acadar a súa aprobación, os acordos propostos serán trasladados ao Presidente da Xunta de Galicia e ao Conselleiro de Sanidade.

Motivos da moción
O Executivo Provincial do PSOE presenta esta iniciativa logo de que o Goberno do PP na Xunta de Galicia elaborase unilateralmente un anteproxecto de lei co que busca modificar a Lei 8/2008 de Saúde de Galicia. Sen consenso algún, nin tan sequera cos profesionais do sector sanitario, o Executivo popular autonómico publicou este anteproxecto durante a época estival (2 de agosto) no DOGA para continuar coa súa tramitación de xeito imperativo. Todo isto, aínda supor modificacións de grande calado no sistema sanitario, pois afecta ao mapa de saúde, aos recursos, á formación, á investigación ou á participación no modelo público sanitario, entre outras cuestións.

Un dos aspectos que máis preocupan é, precisamente, a reorganización do Mapa Sanitario de Galicia que inclúe o anteproxecto, pois o Partido Popular dende o Goberno da Xunta busca co mesmo avanzar cara un modelo claramente máis concentrado en detrimento das áreas sanitarias rurais e semiurbanas.

Por exemplo, permite, con tan só a aprobación dun decreto por parte, exclusivamente, do Partido Popular dende o Executivo da Xunta, unha nova delimitación de funcións e especializacións en ditas áreas rurais, que na provincia de Lugo son as da Mariña e Lemos. O Goberno popular de Galicia ten total autonomía e potestade para continuar, deste xeito, coa concentración de servizos sanitarios nas grandes urbes, neste caso na cidade de Lugo, que iniciou coa implantación das Estruturas Organizativas de Xestión Integrada. Esta xa foi rexeitada no seu momento pola meirande parte dos profesionais do sistema sanitario e supuxo unha constatada e progresiva perda de servizos sanitarios nos hospitais comarcais de Burela e Monforte.

Con este imposto anteproxecto, as áreas sanitarias da Mariña e Lemos poden perder ata a súa condición como tal, afondar na rebaixa de servizos ou na dependencia do persoal do hospital de Lugo (HULA) nos de Burela e Monforte. Os 130.000 lucenses que pertencen a estas áreas sanitarias poderían non contar coas prestacións necesarias nos seus centros, ter que desprazarse á cidade luguesa ou gardar a ser atendidos por profesionais que se trasladan dende o HULA, minguando a calidade da súa asistencia sanitaria pública.

O Hospital da Costa atende a 70.000 persoas
O Hospital da Costa de Burela é o de referencia da área norte da provincia de Lugo, cunha poboación de 70.000 persoas, que se ve incrementada nun 50 % nos meses do verán e nas vacacións por ser zona turística. Esta área engloba aos Concellos de Ribadeo, Barreiros, Trabada, Mondoñedo, Lourenzá, Foz, Ou Valadouro, Alfoz, Cervo, Burela, Xove, Viveiro, Ourol e O Vicedo.

O Hospital Comarcal de Monforte atende a 60.000 persoas
O Hospital Comarcal de Lemos, que cobre un área sanitaria de 60.000 habitantes, abrangue aos Concellos de Monforte, O Saviñao, Sober, Pantón, Chantada, Bóveda, Carballedo, Folgoso do Courel, Quiroga, Ribas do Sil, A Pobra do Brollón e O Incio.