A Xunta financia a contratación de orientadores laborais no Concello de Vilalba e na Deputación de Lugo

A Consellería de Economía, Emprego e Industria financia a contratación de 12 orientadores laborais que prestarán servizo en 11 concellos lucenses e na Deputación Provincial de Lugo.

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, subliñou que a Consellería destina 298.000 euros a sufragar estes contratos, cos que se pretende “ampliar e achegar aos usuarios a rede de formación e información para o emprego que proporciona a Xunta”.

Balseiro aseguro que “a orientación é unha peza clave das políticas da Xunta e, polo tanto, un dos retos fundamentais da Axenda 20 para o Emprego, coa que o Goberno galego está impulsando o emprego estable e de calidade”.

Os orientadores laborais son os técnicos que realizan accións de orientación profesional para o emprego e o autoemprego, dirixidas a mellorar as posibilidades de ocupación das persoas. Encárganse, entre outras funcións, de elaborar diagnoses individualizadas sobre o perfil e necesidades dos desempregados; proporcionar información sobre o mercado de traballo e os distintos incentivos; deseñar itinerarios individuais e personalizados de emprego; contactar con empresas para difundir as súas iniciativas e realizar unha prospección das necesidades das empresas; ou informar sobre a oferta de accións de formación profesional ou o proceso de recoñecemento das competencias adquiridas.

A través destas iniciativas, os orientadores buscan facilitar a inserción ou reincorporación laboral dos traballadores desempregados; favorecer a mobilidade profesional no mercado de traballo, impulsar proxectos de autoemprego, e asesorar sobre as posibilidades formativas, as vías de acreditación das competencias profesionais ou a obtención de certificados de profesionalidade, entre outras materias.

Os 12 orientadores que contratarán as entidades locais sumaranse como persoal especializado aos técnicos que traballan nas oficinas de emprego do Servizo Público de Galicia. Ademais, proximamente a Consellería resolverá outra liña de financiamento similar destinada ás entidades sen ánimo de lucro, tamén para a contratación de orientadores laborais.

En concreto, os orientadores prestarán servizo nos concellos de Burela, Quiroga, Carballedo, Sarria, Cervo, O Corgo, Cervantes, Sober, Portomarín, Vilalba, Viveiro e a Deputación Provincial de Lugo.

Etiquetas