Skip to main content
BegonteColaboracións TERRACHÁXA

Casa Museo Victor Corral

Por 15 Outubro, 2017Outubro 28th, 2017Sin comentarios

Falar de artistas da Chaira que se dediquen á escultura transpórtanos inevitablemente a terras de Begonte, particularmente á parroquia Baamonde, freguesía que posúe un modesto casco urbano polo que é habitual atopar grupos de peregrinos que pernoctan no seu albergue, deixando atrás a etapa que parte dende Vilalba.

Casa Museo Victor Corral.

Casa Museo Victor Corral.

O carón da fermosa igrexa parroquial de estilo gótico e detalles de tradición románica, atopamos outra pista do artista que estamos a falar, un castaño milenario coa Virxe do Rosario tallada no seu interior, unha dedicatoria e a firma reveladora: Victor Corral, 1971.
Nado nesta parroquia o 14 de setembro de 1937, Victor Corral é un escultor chairego recoñecido internacionalmente que Estudou Artes e Oficios na Coruña e Barcelona (con Soriano Montagut), lugar onde traballou exitosamente durante anos para despois retornar e consagrarse como gran artista na súa terra natal, onde abreu ó mundo a súa casa, convertida en Casa-Museo.

Este espazo, que é propia casa-taller do artista, foi construída en 1970 segundo o estilo do pazo galego, albergando no seu interior unha extensa colección de escultura relixiosa e de temática abstracta, ademais de fotografías e todo tipo de obxectos de carácter autobiográfico que nos falan das súas experiencias vitais e o seu universo creativo. No xardín que rodea a casa sucédense tamén as esculturas, coidadosamente distribuídas, ademais duna capela e un pombal con pedras e minerais de distintas partes do mundo.

Os materiais cos que traballa son variados (pedra, madeira, metais, marfil, etc.), creando pezas de pequeno e grande tamaño onde se aprecia o amor á terra, o profundo sentimento relixioso, a esencia da natureza, a inocencia, das miserias deste mundo, o amor.
Segundo Novo Cazón, estudioso da vida e obra de Corral, identifica na súa produción as influencias de Miguel Angel, Rodin, Asorey, o expresionismo, Trapero Pardo e Castro Couso.

Ademais dos traballos expostos na Casa-Museo Corral exhibeu as súas obras nas cidades mais importantes de Galicia, España e o estranxeiro (Lugo, Vigo, Santiago, A Coruña, Pontevedra, Barcelona, Madrid, Xenebra, etc.), figurando de forma fixa en distintos lugares públicos de Guitiriz, As Pontes, Begonte, Vilalba, etc., en varios puntos da Autovía y la NVI Madrid-A Coruña e distintos museos nacionais e internacionais.

A Casa Museo Victor Corral e un exemplo dunha vida dedicada á produción artística con paixón e entrega, creando un mundo tan persoal e místico que o fai visita obrigada para todo aquel que pasa por Baamonde, pois o mesmo Manuel María gabou o seu traballo:

Con recendo a terra e primaveira
é un asombro total, unha fogueira,
unha paixón acesa e fervorosa.
A súa nidia verdade temblorosa
ten unha forza fatal e verdadeira
pois agroma da pedra ou da madeira
como unha clara fontenla misteriosa.
Ti fas, Víctor Corral, case da nada,
un mundo necesario de esperanza,
aberto á marabilla inagardada…

Míriam Fernández Otero