Skip to main content
Colaboracións TERRACHÁXA

Falsa comprensión

Por 15 Outubro, 2017Outubro 28th, 2017Sin comentarios

Remata o verán e a xente aproveita o bo tempo para manter a pel morena e darse un baño antes da chegada do frío e a auga –que por suposto virán ámbolos dous-. No magnífico entorno da Magdalena, en Vilalba, un incidente do que se fixeron eco os medios de comunicación, cando dúas mozas musulmás pretendían bañarse na piscina sen usar o correspondente bañador ou biquini, senón a vestimenta específica que as mulleres desa relixión adoitan levar. Non foron autorizadas polo persoal das instalacións e de aí xurdiu a polémica, xa que as rapazas manifestaron un profundo malestar ó sentirse discriminadas.

En primeiro lugar, non cabe debate sobre liberdade relixiosa ou crenzas. Estas están amparadas na nosa sociedade e cada quen é dono das súas. En segundo termo, non procede que nunha piscina, un home, unha muller ou un neno/nena se bañe vestido, agás co que entendemos todos como traxe de baño, coas súas distintas modalidades tanto masculinas como femininas. O coñecido como burquini, onde a muller esconde todo o seu corpo menos a cara, mans e pes, do que tanto deu que falar noutros países europeos, non está permitido nunha piscina pública. Se non se acata esa norma, a alternativa é marchar. Ningunha obxección a que se bañen desa maneira no río ou na praia. En terceiro lugar, a un abráiao esa falsa comprensión cara as afectadas por parte dalgúns e dalgunhas. E tamén un sentimento de pena os razoamentos escoitados, no senso que non se lles tería que negar o acceso, que cómpre respectar esa peculiaridade ou que cada quen pode bañarse como queira, iso si, menos en pelotas. As comparacións, de novo, odiosas.

Fraco favor se fai á emancipación da muller musulmá nas nosas comunidades con ese tipo de supostos apoios. Unha torpe empatía fainos ver como normais certa particularidades culturais, cando en realidade esconden unha forte discriminación e sumisión por parte das mulleres nun mundo escuro e atrasado. A un prodúcelle tristura que mentres aquí levamos anos tratando de dar pasos a prol da igualdade da muller, loitando contra todo tipo de machismo e sexismo, existan sectores que amparen, desculpen e ata apoien que mulleres teñan que ir tapadas ata as orellas porque a súa relixión seica así llelo di. Unha imposición en toda regra, sobre todo cando un contempla a vestimenta do sector masculino, idéntica á nosa, tamén cando están na praia ou na piscina. Máis aínda se botamos a vista varias décadas atrás nas costas galegas, cando se reivindicaban espazos para practicar o nudismo e lembramos aquelas imaxes de nudistas ás carreiras para evitar seren linchados. Paseniño, foise normalizando o que era un escándalo e na actualidade existen praias catalogadas para que un bañista, se así o considera oportuno, sexa home ou muller, estea como Deus o trouxo ó mundo. E non pasa nada. A nosa pedagoxía debería ir encamiñada a esas persoas que viñeron de lonxe para facerlles ver que aquí non cabe ningún tipo de discriminación aínda que amparemos as diferenzas. Debería quedar claro.

Pablo Veiga.