Liberdade e violencia, un tándem imposible

Hai xa moito tempo que teño asumido que, en non poucas ocasións, aqueles que mais falan de liberdade e de democracia non son os máis exemplarizantes a hora de exercelas, ou, directamente non son quen de facelo, terxiversando ademais o seu significado, ou mais ben contribuíndo a ensucialo coas súas conductas, xuízos e aseveracións tinguidas no mellor dos casos de cualificativos non demasiado amables para cantos non opinan coma eles, cando non caendo nas descualificacións mais desprezables ou mesmo nos insultos.
Os acontecementos políticos que estamos a vivir non fan senón que me reafirme na miña opinión.

Eu, supoño que coma todo o mundo, e malia que a política non é o meu, teño, obviamente , as miñas ideas, ideas que, por suposto, non son compartidas por todos. Coñezo e teño contacto cada día con xente de case todas as ideoloxías sen que isto supoña ningún problema nas nosas relacións, nas que impera, por riba de todo, o respecto e o diálogo e, algo moi importante, ter moi claro que, e isto é, penso, vital, todos somos persoas e nos comportamos como tales.

A min, se algo me doe na alma, e ver como en aras da liberdade, da tolerancia, se exerce a violencia mais brutal, veña da facción política que veña.

Sinto unha enorme decepción e unha profunda vergoña cando escoito ou leo esas mal chamadas opinións, que non son en realidade mais que atroces faltas de respecto de algunha desa xente coa que nalgún momento pensei sinceramente compartir pensamentos e ideais.

Non entendo como se pode condenar a conducta de quen non pensa coma tí violentando os seus dereitos mais elementais, o dereito a opinar, e chegando mesmo a agredir, non soamente verbal, senón tamén fisicamente.

Poida que as miñas reflexións sexan froito da miña ignorancia. Seguramente, pero por moitas mal chamadas razóns que tenten darme, para min, quen aproba, alenta e practica calquera tipo de violencia carece totalmente de credibilidade e de calidade humana.

Se algo se está a facer patente, é que, en situacións convulsas, como a que nos está tocando vivir, queda ao descuberto o auténtico pelame de moitos que din facer da tolerancia e da liberdade a súa bandeira pero que, cando chega o momento de demostralo, arremeten sen piedade contra todos aqueles que discrepan das súas posturas e opinións, amosando un perfil perigosamente radical e case sectario, no que semella que todo vale, mesmo agredir e maltratar.

Critican a aqueles aos que tachan de tiranos e de trasnoitados, pero non son quen de recoñecer que eles non son mellores, que o seu xeito de impoñer o seu pensamento, ou mellor dito, a súa doutrina, porque para eles é iso, unha doutrina que compre abrazar sen opción a dúbida ou a discrepancia, e de rexeitar a quen ousa sequera tentalo, e xustamente iso, tiranía, por mais que a maquillen de tolerancia e desa tan manida democracia da que tanto falan pero que non practican.

A min gustaríame facerlles unha pregunta. Acaso a violencia, a senrazón, se mide con diferente variña ou é mais ou menos grave dependendo de quen as exerza?.

Como se pode dicir tan alto que se está a loitar pola liberdade do pobo, da cidadanía, e coartala despois dun xeito tan salvaxe?.
Esquerdas, dereitas, o mesmo me da. Toda razón, para min, se perde cando a barbarie se impón.

Tan digno de respecto é quen clama pola independencia como quen non a desexa e o mesmo dereito teñen a manifestar o seu parecer sen que por iso se lles condee e non podo sentir mais que rexeitamento por quen se nega ao diálogo e non coñece mais linguaxe que a imposición e a intransixencia.

Ninguén, por moito que pensen o contrario, está na posesión da verdade absoluta, e, malia que así fora, non teñen o dereito de impoñela.
Como dicía ao comezo, a política non é o meu, e hoxe, menos que nunca, porque eu, a determinadas accións e ideoloxías non as considero política, senón violencia.

Saquei, iso si, de todo isto, unha conclusión moi clara e rotunda: o tándem liberdade violencia sempre será imposible.

Marta Rodríguez Engroba
Asociación Si, hai saída.

Etiquetas

Publicidade

Axenda

Publicidade

Todos os artigos e novas da anterior web están agora aquí: