Youtube, unha nova maneira de facer fortuna

Os tempos cambian; os xeitos de gañar diñeiro… tamén. Xorden así profesións novas como a de youtuber ou content creator. E ben, que é un youtuber? Pois é unha persoa que se dedica a subir vídeos á plataforma de internet Youtube. A maior parte da xente ten escoitado falar nalgunha ocasión de Youtube e dos youtubers —pode que incluso vexa vídeos habitualmente neste sitio web ou estea subscrita a algunha canle—, pero moi poucas persoas coñecen realmente o negocio que se agocha detrás.

De verdade que se cobra por gravar un vídeo de calquera cousa e logo colgalo en Youtube? A resposta é si, sempre e cando ese vídeo teña un bo número de visitas. Un youtuber grande, é dicir, que pase dos 5 millóns de subscritores, gaña entre 5.000 e 25.000 euros ao mes, e as súas ganancias multiplícanse por dous cada ano. Para cobrar polos vídeos primeiro hai que rexistrarse como partner; feito isto só queda agardar a que miles de desocupados visualicen o contido. Se comezaches fai pouco en Youtube e só tes uns centos de subscritores, non te preocupes, o éxito chegará co tempo, baixo ningún concepto te impacientes, recorda que Roma non se construíu nun día.

Os ingresos non proceden só da monetización dos vídeos…, moita da facturación destes individuos vén do merchandising e da venda de entradas de espectáculos que eles mesmos dan en directo en diversos recintos. É asimesmo frecuente que os youtubers publiquen libros; tomade nota todos os escritores e escritoras que non conseguides editar a vosa obra: o mellor é facerse youtuber, a publicación está asegurada! Este traballo na rede ten polo tanto moitas vantaxes: elevada remuneración, non se requiren estudos, trabállase normalmente desde a casa, non hai un xefe que dea ordes, autoxestión, independencia, etc.

A pesar de que a tarefa parece sinxela, en realidade non o é tanto. Algúns youtubers chegan a padecer crises de creatividade que os levan a abandonar temporalmente a plataforma, sen prexuízo dos ingresos que deixen de xerar durante a súa ausencia. Este é o caso do catalán Jordi Wild (de El Rincón de Giorgio), que este 18 de setembro despediuse dos seus case 7 millóns de subscritores para tomarse un respiro durante uns meses, queixándose de que levaba máis de catro anos sen vacacións e que estaba cansado de facer sempre o mesmo tipo de vídeos.

De todos os youtubers de España hai un que destaca claramente sobre os outros: elrubiusOMG, que pasa dos 25 millóns de subscritores. Ségueno Vegetta777 (19 millóns), Willyrex (12 millóns e medio), iTownGamePlay (9 millóns), aLexBY11 (7 millóns) e Luzugames (7 millóns). Outros con varios millóns de seguidores son El Rincón de Giorgio, AuronPlay ou o galego Wismichu. Todos estes son homes que non superan os 34 anos. Que acontece coas mulleres? Hai algunha youtuber española de renome? Afortunadamente si, pero con bastantes menos subscritores ca o sexo masculino; entre elas poderiamos mencionar a Sarinha (case 3 millóns), a Percebesygrelos e á peculiar, polémica e agora estrela televisiva Soy una pringada.

En conclusión, Youtube constitúe sen dúbida unha alternativa aos empregos tradicionais e está francamente ben pagado. Non obstante, non nos enganemos, só uns poucos chegan a triunfar realmente nesta profesión, porque para entreter a unha multitude ociosa fai falla algo que moi poucos teñen: talento e perseveranza.

Lucía Otero Gato.

Etiquetas

Publicidade

Axenda

Publicidade

Todos os artigos e novas da anterior web están agora aquí: