Biciclistas Galegos pecha no Monseivane e no Gohía a programación do 2017

Biciclistas Galegos participantes na Monseivane vintage.

Monseivane Vintage e a I Conquista do Gohía foron as propostas cicloturistas organizadas por Biciclistas durante a pasada ponte.

A primeira delas consistiu en recorrer os antigos roteiros que unen Vilalba e o Monseivane e que foron deseñados nos inicios da  bicicleta de montaña na comarca Chairega. Estos recorridos continúan a ser o reto máis importante e significativo da comarca para os amantes do ciclismo de montaña e atrae a moitos afeccionados doutras poboacións.

A segunda, neste caso en bicicleta de estrada, percorreu distintos barrios do Concello de Xermade para rematar facendo cumio en Gohía. Ao rematar a proba, o último en chegar ao final da esixente subida e o participante máis novo recibiron un agasallo que, en palabras da organización, “valora o esforzo e a participación máis que  resultado, a destreza ou o nivel de adestramento”. A proba contou co apoio do Concello de Xermade e a súa seguridade foi coordinada por Protección Civil do devandito Concello.

En ambas probas a xornada rematou cun xantar de confraternización.

Estas actividades pechan a programación prevista por esta asociación para o ano 2017 e que abarcou distintos escenarios dentro da Terra Chá, Lugo e zonas limítrofes. O obxectivo destas actividades “biciclistas” é desfrutar da bicicleta dun xeito non competitivo, reforzando o compañeirismo e a cooperatividade e poñendo en valor as riquezas paisaxísticas  e gastronómicas da zona onde se desenvolven. Deste xeito este tipo de xuntanzas nas que participan ciclistas de distintos Concellos e Provincias, favorecen as actividades turísticas dos lugares onde se levan a cabo.

As actividades deste ano conseguiron convocar a máis dun milleiro de persoas.

Etiquetas

Publicidade

Axenda

Publicidade

Todos os artigos e novas da anterior web están agora aquí: