Skip to main content
ActualidadeBegonteFriol TERRACHÁXA

A Xunta investirá 6 millóns de euros na mellora da estrada LU-231 entre Friol e a Baiuca

Por 20 Outubro, 2017Sin comentarios

A Xunta, a través da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, publica este venres no Diario Oficial de Galicia (DOG) a licitación da redacción dos proxectos construtivos para a mellora da estrada LU-231, ao longo de 19 quilómetros, entre Friol e A Baiuca, na que o Goberno galego investirá arredor de 6 millóns de euros. Para obter máis información pódese consultar o seguinte enlace: https://goo.gl/cskeUi.

Así mesmo, cabe destacar que no orzamentos da Xunta para 2018 se reservan 620.000 euros para avanzar nesta actuación.

O prazo para a redacción dos dous proxectos será de 12 meses, aínda que se agarda ter o primeiro deles redactado en 6 meses para, a continuación, sometelo xa a información pública.

Os traballos que se levarán a cabo consistirán na ampliación da estrada ata os 7,5 metros de ancho e na rectificación das curvas máis pechadas, polo que ademais de ampliar os carrís ata os 3,25 metros a vía tamén disporá de beiravías de medio metro en ambos os lados.

Trátase dunha actuación ambiciosa na que a Xunta dá resposta á solicitude que tiñan trasladado os alcaldes dos concellos lucenses de Friol, Palas de Rei e Begonte, de acondicionala para facilitar a mobilidade coa A-6, en Begonte, e coa A-54, en Palas, sen ter que achegarse para iso ata Lugo.

Este proxecto enmárcase na aposta do Goberno galego por manter a rede de estradas en óptimas condicións, co que isto supón de reforzo da seguridade viaria; e por dotar aos veciños de vías máis cómodas para os seus desprazamentos cotiás, contribuíndo á vertebración territorial e a incrementar a competitividade e as oportunidades dos concellos do interior de Galicia.