Formación para unha vintena de desempregados que mellorarán espazos de Vilalba e Abadín

Os alumnos-traballadores do obradoiro de emprego Terra Chá II reaizan tarefas de carpintería.

Os Concellos de Vilalba e Abadín promoven conxuntamente o obradoiro de emprego “Terra Chá II” financiado pola Consellería de Economía Emprego e Industria da Xunta de Galicia cunha subvención de 279.959 euros.

A inserción socio-laboral do alumnado demandantes de emprego mediante a cualificación e posta o día das súas competencias profesionais é o obxectivo deste proxecto que pretende contribuír, tanto na súa vertente formativa como persoal, a potenciar un maior coñecemento de si mesmos e favorecer unha mellor utilización das súas capacidades e recursos propios.

O proxecto conta cun total de 20 alumnos-traballadores, tres monitores -un de carpintería e dous de albanelería-, unha administrativa e unha directora. Seis alumnos-traballadores recibirán formación sobre revestimentos con pezas ríxidas por adherencia en construción, outros tantos sobre carpintaría de madeira e moble, e ata oito participarán no módulo de impermeabilización con membranas formadas con láminas.

Dende a súa posta en marcha o 26 de setembro, desenvolveranse, ata o 25 de xuño, os proxectos de rehabilitación dos soportais da Praza da Constitución para dedicalo a mercado ecolóxico e a terceira fase de acondicionamento interior da Casa do Concello de Abadín.

Etiquetas