Outeiro de Rei e Pol acollerán treitos do XXXIX Rally San Froilán

Representantes dos Concellos polos que discorrerá a proba xunto ao presidente da Federación Galega de Automobilismo e a vicepresidenta da Escudaría Miño presentaron a proba.

O Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, e a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López presentaron este mércores a 39 edición do Rally San Froilán, que terá lugar os vindeiros días 27, 28 e 29 de outubro. Fixérono acompañados de representantes dos Concellos de Sarria, Outeiro de Rei, Pol e Láncara, municipios polos que transcorrerá a proba. No acto tamén participou o Presidente da Federación Galega de Automobilismo, Iván Corral Pérez, e a Vicepresidenta da Escudaría Miño, Mayte Vilanova López.

O Goberno da Deputación e do Concello de Lugo son os principais patrocinadores da cita, que reunirá a 150 pilotos, entre eles os irmáns Vallejo, tres veces campións en 2010, 2013 e 2016, e milleiros de afeccionados durante a fin de semana. O organismo provincial realiza unha achega de 30.000 euros para a organización do Rally San Froilán, que se suma aos 17.000 euros que o Executivo destinou á posta en marcha do VI Volante Deputación, a iniciativa mediante a cal un afeccionado lucense, Rubén Sánchez Agruña, poderá participar de balde na competición, dentro do equipo PTC Escuela e aos mandos dun Suzuki Swift Sport, tras recibir cursos de formación.

Rivera Capón subliñou que “incrementamos a partida para a celebración desta proba, pois somos conscientes da súa repercusión económica e mediática, xa que reúne de media a uns 40.000 espectadores en cada edición. Deste xeito, a colaboración do Goberno da Deputación enmárcase nunha das liñas do Plan Estratéxico de Turismo, como é a promoción de eventos de carácter deportivo na provincia que consigan atraer a un importante número de visitantes de todas as partes do territorio galego e das comunidades veciñas, que terán a oportunidade de coñecer e desfrutar dos encantos do noso territorio, ademais de gozar do espectáculo da proba”.

O Deputado de Deportes apuntou que “dende o Goberno Provincial apoiamos as catro probas automobilísticas de referencia na provincia como son o Rally Comarca da Ulloa, a Subida a Chantada, a Subida á Pontenova e, como non podía ser doutro xeito, o Rally San Froilán, que este ano chega a súa 39 edición, totalmente consolidado no panorama galego. Ademais, a de Lugo é unha Deputación pioneira na liña de axudas para os pilotos da provincia, que este ano contempla un presuposto de 45.000 euros”.

Percorrido
O 39 Rally San Froilán, puntuable para o Campionato Galego de Rallys, estará formado por un percorrido de 413 quilómetros dos cales 94 quilómetros serán 8 tramos cronometrados por estradas pechadas ao tráfico. A proba constará dunha única etapa dividida en catro seccións:

TREITO 1ª PASADA 2ª PASADA
A – BONXE – O. DE REI 08:44 12:17
B – A VALIÑA – POL 09:24 12:57
C – LÁNCARA 17:30 21:05
D – GOIAN – SARRIA 18:23 21:58

Na xornada do venres 27 levaranse a cabo as correspondentes verificacións técnicas e administrativas. O sábado 28 será a xornada na que se disputará o rally, o cal comezará ás 08:00 horas coa saída do primeiro participante da primeira das seccións. Ás 10:29 horas sairá o primeiro participante da segunda sección e ás 14:22 horas terá lugar a saída do primeiro participante da terceira sección. Ás 19:38 horas o primeiro participante da cuarta sección tomará a saída. Ás 23:59 horas publicaranse os resultados da proba. A entrega de trofeos celebrarase o domingo 29 ás 12:30 horas.

Normas básicas de seguridade
A organización do Rally recordou aos afeccionados a importancia de situarse en lugares fose de perigo, é dicir, lonxe da posible traxectoria dunha saída de estrada dos participantes e, sobre todo, non situarse diante de lugares sólidos como muros de pedra, valla, coches, árbores, colectores, etcétera. Así mesmo, solicitou a máxima colaboración para intentar cumprir e respectar en todo momento as medidas establecidas, respectando e obedecendo as recomendacións dos Comisarios, Protección Civil e Forzas de Seguridade.

Etiquetas

Publicidade

Axenda

Publicidade

Todos os artigos e novas da anterior web están agora aquí: