Skip to main content
ActualidadeXermade

O BNG de Xermade critica a “desidia” do Concello na posta en marcha das medidas aprobadas en Pleno

Por 30 Outubro, 2017Sin comentarios

Restos dun terneiro vítima do ataque do lobo.

Unha vez máis os lobos provocan perdas a un gandeiro no concello de Xermade, concretamente esta fin de semana na parroquia de Roupar.

E dende o BNG explican que “segue sendo a veciñanza a que asume as perdas e os problemas derivados destes ataques, desta volta dos lobos”. Precisamente a este respecto no último pleno o grupo nacionalista presenta unha moción para que se tomen medidas de axuda ás gandeiras e gandeiros e tamén “que, dunha vez por todas, se enfronte o problema destes ataques para que o rural non teña que afrontar continuas perdas”.

Con todo, “a pesar de que esta moción se aprobou por unanimidade -coma outras moitas iniciativas aprobadas en pleno coma a creación de axudas ás familias- todo se queda en boas palabras, pero ningún feito. E nun concello agrogandeiro coma Xermade en que a economía familiar se sostén cos ingresos da súa actividade, non se leva a cabo ningunha das propostas aprobadas en pleno para que as familias se vexan menos afectadas e teñan algunha axuda ou compensación á súa problemática: nin a rebaixa do IBI, solicitada en plena crise do leite e duro catastrazo, nin a creación de liñas de axuda ás familias para o inicio do curso escolar -porque van aló dous anos e seguen sen crearse- e nin agora esta que tampouco ten visos de poñerse en marcha”.

O concelleiro Óscar González apunta que “isto únese á desidia do Concello na prestación dos servizos públicos: as vías de comunicación desastrosas, restricións de auga ás que non lles dá unha solución, mal servizo do abastecemento -xa que estes días hai parroquias nas que a auga volve a saír con residuos- ou o incumprimento das diferentes normativas coma, por exemplo, a lei de montes”. Por iso pregúntase “se teremos que esperar a que pase unha desgraza para que as boas palabras se convertan en feitos ou teremos que seguir vendo as fotos do equipo de goberno en comelladas, festas e eventos varios e entregando premios con uniformes “oficiais”.