O BNG de Xermade critica a "desidia" do Concello na posta en marcha das medidas aprobadas en Pleno

TerraChaXa
Unha vez máis os lobos provocan perdas a un gandeiro no concello de Xermade, concretamente esta fin de semana na parroquia de Roupar.
Restos dun terneiro vítima do ataque do lobo
30 Out 2017

Unha vez máis os lobos provocan perdas a un gandeiro no concello de Xermade, concretamente esta fin de semana na parroquia de Roupar.

E dende o BNG explican que "segue sendo a veciñanza a que asume as perdas e os problemas derivados destes ataques, desta volta dos lobos". Precisamente a este respecto no último pleno o grupo nacionalista presenta unha moción para que se tomen medidas de axuda ás gandeiras e gandeiros e tamén "que, dunha vez por todas, se enfronte o problema destes ataques para que o rural non teña que afrontar continuas perdas".

Con todo, "a pesar de que esta moción se aprobou por unanimidade -coma outras moitas iniciativas aprobadas en pleno coma a creación de axudas ás familias- todo se queda en boas palabras, pero ningún feito. E nun concello agrogandeiro coma Xermade en que a economía familiar se sostén cos ingresos da súa actividade, non se leva a cabo ningunha das propostas aprobadas en pleno para que as familias se vexan menos afectadas e teñan algunha axuda ou compensación á súa problemática: nin a rebaixa do IBI, solicitada en plena crise do leite e duro catastrazo, nin a creación de liñas de axuda ás familias para o inicio do curso escolar -porque van aló dous anos e seguen sen crearse- e nin agora esta que tampouco ten visos de poñerse en marcha".

O concelleiro Óscar González apunta que "isto únese á desidia do Concello na prestación dos servizos públicos: as vías de comunicación desastrosas, restricións de auga ás que non lles dá unha solución, mal servizo do abastecemento -xa que estes días hai parroquias nas que a auga volve a saír con residuos- ou o incumprimento das diferentes normativas coma, por exemplo, a lei de montes". Por iso pregúntase "se teremos que esperar a que pase unha desgraza para que as boas palabras se convertan en feitos ou teremos que seguir vendo as fotos do equipo de goberno en comelladas, festas e eventos varios e entregando premios con uniformes "oficiais".

0.19783401489258