Skip to main content
Actualidade

O Sindicato Labrego Galego e Aprocam organizan unhas xornadas en Lugo sobre comercialización directa de carne

Por 30 Outubro, 2017Sin comentarios

O Sindicato Labrego Galego e a Asociación de Produtores e Produtoras de Carne de Montaña (Aprocam) están a organizar unhas xornadas sobre comercialización directa de carne en Lugo que se desenvolverán ao longo de tres venres consecutivos: 3, 10 e 17 de novembro.

Así, o 3 de novembro, comezarán estas xornadas coa introdución de contidos máis teóricos, cunha charla sobre requisitos técnicos e sanitarios para a comercialización directa, a cargo do inspector sanitario Luís Couto Lorenzo; e outra centrada en aspectos legais, fiscais e de xestión á hora de vender carne, que correrá a cargo de Óscar Lugrís Beteta, asesor da empresa Servizos Agrarios e Contables.

Na seguinte xornada, o 10 de novembro, procederanse a analizar casos exitosos de comercialización directa de carne a través da testemuña dos seus e das súas protagonistas. Así, os e as participantes poderán escoitar e dialogar con Xosé Blanco, gandeiro de Montederramo (Ourense) que vende directamente carne de vacún á súa propia carteira de clientes; a Lois Varela Carreira, de Palas de Rei (Lugo), que compartirá a súa experiencia de venda coa Rede de Consumo O Careón, de Melide (A Coruña); Alberto Santín, que achegará o seu caso particular de vender na propia granxa carne de ovino e cabrún; a Cooperativa Monte Cabalar da Estrada (Pontevedra), con máis de 300 socios e socias que traballan con gando vacún, equino e cabrún; o caso da Cooperativa .San Cidre de Abadín (Lugo), na voz do seu presidente, Xurxo Carracedo, que explicará como levaron a cabo unha novidosa iniciativa de comercio online; ou a tamén cooperativa Artesáns Gandeiros.

Finalmente, a última xornada, o día 17 de novembro, será eminentemente práctica, cunha visita á Explotación Experimental de Gando de Montaña Marco da Curra, en Monfero (A Coruña).

Con esta acción formativa, o Sindicato Labrego Galego pretende dar a coñecer entre os gandeiros e as gandeiras novas vías de comercialización que axuden a facer máis rendible a súa actividade profesional e a consolidar o traballo das persoas e familias que aínda apostan por un medio de vida perfectamente viable, pero que ten en contra unhas leis, unhas políticas e uns mercados deseñados só para favorecer o lucro das grandes industrias en detrimento do modelo de granxa labrego e familiar que defendemos dende o SLG.