A delegación territorial abre unha oficina para asesorar a persoas en risco de sufrir desafuizamento

A Consellería de Política Social abriu unha nova oficina na Delegación Territorial de Lugo para o desenvolvemento do programa Reconduce, co fin de asesorar ás persoas que estean en risco de sufrir desafiuzamento.

O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, mantivo un encontro cos dous traballadores incorporados para realizar este labor, que deben informar aos usuarios e xestionar os seus expedientes cos servizos centrais da Xunta, evitándolles desprazamentos innecesarios.

A oficina está situada na planta baixa do edificio administrativo, xunto co resto de dependencias da consellería de Política Social, se ben o programa Reconduce ten carácter transversal e implica a cinco consellerías.

Tamén involucra ao Consello Xeral do Poder Xudicial e á Federación Galega de Municipios e Provincias, que subscribiron coa Xunta de Galicia un convenio sobre o desenvolvemento de medidas de protección social fronte aos desafiuzamentos.

Balseiro indicou que esta oficina ofrecerá orientación sobre as liñas de axuda e os pasos a dar ante casos de risco de desafiuzamento. Neste sentido, lembrou que a Xunta ten en marcha doce medidas para evitar e paliar os desafiuzamentos hipotecarios ou por impago do alugueiro, “e con esta oficina pretendemos ofrecer un servizo próximo ao cidadán, que proporcione unha resposta áxil e adecuada a cada caso”.

Entre estas medidas, apuntou o delegado, figuran o bono de alugueiro social, o censo de vivendas baleiras, asesoramento xurídico gratuíto aos afectados ou o Plan RehaVIta, para facilitar o acceso á vivenda ás persoas con menos recursos.

Balseiro concluíu que “os desafiuzamentos son un drama, e a Xunta está a poñer todo da súa parte para poñerlles freo ou, cando menos, ofrecerlles aos afectados unha alternativa que lles permita acceder a outra vivenda”.

Etiquetas

Publicidade

Axenda

Publicidade

Todos os artigos e novas da anterior web están agora aquí: