O PP avanza que o convenio entre Xunta e Concellos permitirá o desbroce de preto de 39.000 hectáreas entre 2016 e 2018

A voceira do Grupo Provincial do Partido Popular, Elena Candia, censura que o PSOE e o BNG na Deputación de Lugo se negasen, na sesión celebrada esta mañá, “a sumar esforzos, xa que a política de prevención e de incendios é responsabilidade de todos. Era necesario lanzar, por un lado, unha mensaxe de implicación conxunta á cidadanía, na que cada administración asumise a súa responsabilidade e, por outro lado, de unidade contra os incendiarios”. Así, a popular solicitou a implicación conxunta na loita contra incendios e deu cifras como que os concellos ao abeiro do convenio de colaboración coa Xunta poderán desbrozar nos tres últimos anos (2016, 2017 e 2018) un total de 38.995 hectáreas na provincia.

Para a presidenta provincial a altura de miras dunha institución pública está en chegar a acordos, polo que dende o PP lamentan que o Goberno da Deputación non tivera receptividade para sentarse e para anunciar o seu compromiso e implicación para que esta situación non volva a repetirse. Esta situación, segundo Candia, deixa entrever que socialistas e nacionalistas móvense só por unha “vontade de crítica política e non por unha vontade real para que esta situación non volva ocorrer”.

Neste senso, precisou que se debera fuxir do “populismo, da mediocridade e de obter réditos políticos e deberamos acadar a unión, xa que a política de loita contra os incendios ten que ser tarefa de todos”. “O PP estará do lado da implicación responsable. Se o Goberno manifestase a súa intención de traballar conxuntamente nesta loita, de implicarse e mesmo de trasladar á Xunta de Galicia as necesidades sobre o que consideran que se debe mellorar, atoparían ao PP, pero lamentablemente só buscan sacar uns votos”, afirmou.

Elena Candia conversa co deputado e alcalde de Taboada, Ramiro Moure, antes de dar comezo o Pleno.

Agradecemento aos profesionais e aos veciños e mensaxe de condena aos incendiarios
Para a popular, “a prudencia debe ser o que nos guíe”. Así, considera que, en primeiro lugar, “temos a obriga de recoñecer e agradecer o traballo dos bombeiros forestais, voluntarios, Policía Nacional, Garda Civil, Política Autonómica, Policías Locais, concellos, deputacións, -as que se impliquen-, tripulacións de hidroavións e helicópteros, bombeiros urbanos e comarcais, veciños, persoal sanitario, axentes e técnicos da Xunta de Galicia”.

A voceira do Grupo Popular tamén lembrou que o dispositivo despregado suma 350 brigadas, 5.600 efectivos, dos que 600 son da UME, 220 motobombas, 40 pas e 20 medios aéreos, ao que se lle suman os medios dos veciños e das veciñas que “con tractores, mangueiras e outros dispositivos intentaron frear este atentado aos galegos”.

Ademais, en segundo lugar, “debemos analizar a xestión forestal, a política e facer autocrítica todos”. Así, a popular, por exemplo, lembrou que hai rexedores que non se acolleron ao plan de desbroces ao abeiro dun convenio coa Xunta de Galicia, que durante os anos 2016, 2017 e 2018 permitirá a limpeza de máis de 38.900 hectáreas; 4.500 hectáreas no distrito forestal da Mariña; 22.065 hectáreas no da Fonsagrada-Os Ancares; 2.430 en Terra de Lemos e 5.835 na Terra Chá. Así, explicou que os datos no 2017, son os seguintes: 1.500 hectáreas na Mariña; 7.355 na Fonsagrada-Os Ancares; 810 hectáreas en Terra de Lemos, 1.388 en Lugo-Sarria e 1.945 na Terra Chá.

En terceiro lugar, para Candia era necesario lanzar unha mensaxe de condena aos incendiarios, ao que se referiu como “actos que debemos condenar con total rotundidade e absoluta impunidade. Era necesaria a imaxe de unidade de todas as forzas políticas”. “ Eu mesma visitei as zonas afectadas e falei con brigadistas de dilatada experiencia, que aseguraron que nunca viviran esta situación, con lumes que aparecían de noite, a distancias temporais dunha hora, buscando o caos e unha situación inabordable de control”. Neste eido, a popular deu cifras do bo funcionamento do servizo xa que ata o 30 de setembro, previo a vaga de incendios, reducírase respecto ao pasado ano ata nun 43,75% o número de hectáreas queimadas pese a terse acumulado un número maior de lumes (un 24,95% máis).

Etiquetas

Publicidade

Axenda

Publicidade

Todos os artigos e novas da anterior web están agora aquí: