Skip to main content
Colaboracións TERRACHÁXA

Galifornia

Por 8 Novembro, 2017Novembro 15th, 2017Sin comentarios

Falarmos do tempo e dos carprichos deste é unha constante nos seres humanos. As condicións climáticas determinan os hábitos e rutina das persoas. Cada área xeográfica ten os seus propios comportamentos metereolóxicos e en función dos mesmos a vida desenvólvese dunha maneira ou doutra. Aquí na Galicia sabíamos –ata o de agora- que clima posuímos, cando nos referimos ó conxunto do País ou a unha zona concreta. Coñecemos moi ben como son os invernos na Terra Chá, polo xeral fríos, con néboas a diario e con abundante choiva. Logo chega unha primavera que adoitaba ser inestable, misturando días de calor con alguna treboada. Viña o verán e aínda que nalgunha xornada puidesen as nubes descargar, normalmente é soleado e con calor. Época onde se segaba o trigo e recollía a herba seca para o gando durante o inverno. O outono identificábase co propio verbo, “outonar”, a sementeira, e climaticamente falando, baixada das temperaturas con ceos cubertos e abundante auga, a pesares dese veraniño de San Miguel que algunha vez facía presenza.

Ben, non imos entrar no debate do cambio climático nin do quecemento global. A un servidor nin lle corresponde nin se atreve co tema, mais resulta evidente que o tempo nos últimos anos está a mudar considerablemente. Para mostra, o deste mesmo dous mil dezasete, onde no mes de abril choveu soamente o primeiro e último día, algo totalmente inédito. E despois os meses estivais, con días mornos, si, pero sen apenas auga. Fin do verán e a choiva apareceu en forma de violenta treboada, con abundantes precipitacións. Pero foi unha única tarde. Setembro, un par de orballadas que apenas serviron para refrescar o ambiente e darlle un pulo ós secos prados. En pleno San Froilán, temperaturas extraordinariamente altas, achegándose ós trinta graos nas horas centrais do día. Pasou de esguello o furacán denominado Ophelia, que por aquí descargou unhas pingas de auga que serviron para apagar os tardíos lumes producidos ó longo e ancho da nosa xeografía. Entramos no mes de santos e mesma tónica. De aí que xurda o termo Galifornia, á vista do que estamos vivindo, onde a mediados de outubro onde a xente seguimos coa vestimenta típica dos meses de verán.

A que responde este estrano comportamento metereolóxico… pregúntanse os expertos na materia e o conxunto da cidadanía. Aínda que en xeral este tempo guste e sen dúbida o inverno virá, veremos a auga e sentiremos o frío, obsérvase preocupación polo que está a acontecer. As consecuencias no entorno serán evidentes, non só na paisaxe e no medio ambiente, senón tamén na agricultura e gandeiría. O noso sistema produtivo verase afectado se estas condicións seguen sendo as habituais ano tras ano. E por suposto, incidirá na economía e nos hábitos culturais da poboación.

Todos temos en mente o que significa Galicia e como é, tanto os que nela vivimos como os que nos visitan. Galifornia será outra cousa ben diferente e témome, tendo en conta o acontecido nas últimas semanas, que non traerá nada bo.

Tempo ó tempo. Nunca mellor dito.

Pablo Veiga