Skip to main content
Colaboracións TERRACHÁXA

Non penses nun oso polar

Por 8 Novembro, 2017Novembro 15th, 2017Sin comentarios

Nas últimas semanas a televisión encheuse de películas de terror. A min non me gustan este tipo de historias e tiven que andar rápida co mando da televisión para esquivar anuncios de pallasos sanguinarios e asasinos varios. Non tiven sorte, e unha noite, a piques de ir para cama a boneca Annabelle saíu na miña tele, mentres soaba unha música sinistra e enfocaban a cara de terror da xente que estaba nos cines, unha voz en off definía a película como “a máis terrorífica do ano”. A cousa non pasaría de aí, se non fose porque me fun durmir tentando non pensar niso, e mentres tentaba conciliar o sono alí estaba a boneca e as caras de terror facéndose notar mentres eu facía o esforzo de non pensar na maldita e fea boneca.

¿Por que pasa isto? ¿Por que pensamos xusto naquelo que non queremos pensar? Con máis frecuencia da que quixéramos, os intentos de controlar algúns eventos da nosa mente resultan erróneos. Todos tivemos a desesperante experiencia de irnos a durmir, e estar as tantas da mañá, cos ollos abertos coma pratos pensando “teño que durmir”. O mesmo pasa cando queremos deixar de preocuparnos, concentrarnos nalgo ou esquecer a alguén. Unha e outra vez, atopámonos facendo exactamente aquelo que intentábamos evitar.

Wegner, en 1994 chamou a estes fenómenos, “procesos irónicos” e elaborou unha teoría na que afirmaba que os intentos de controlar estas experiencias fallan xerando o oposto ao que queremos controlar.. Para demostralo realizou o experimento que lle da título a este artigo. Daniel Wegner pediu aos participantes que durante cinco minutos pensasen de xeito consciente no que quixeran excepto nun oso polar. A pesar das instrucións, os participantes pensaron máis dunha vez por minuto no peludo animal.

Ademais, demostrou que este fenómeno maniféstase máis frecuentemente cando o resultado que se busca é a ausencia en lugar da presencia, polo tanto é máis probable que aparezan baixo un “non penses en…” que baixo un “pensa en…” Isto é debido a que cando nos damos unha orde en negativo, o noso cerebro primeiro evoca a imaxe e despois a nega.

A teoría dos procesos irónicos aplicouse tamén a outros campos, como a concentración, a relaxación, o sono ou os estados de ánimo. Neste último caso, sen presión engadida podemos (relativamente) controlar os nosos estados de ánimo, pero cando agregamos algún tipo de estrés experimentamos xustamente o contrario. Así cando nos dicimos “non te preocupes” “non esteas triste” realmente o que estamos facendo e provocar o efecto contrario, poñendo máis atención no problema. Curioso ¿verdade?

En definitiva, temos menos control sobre os nosos estados internos cando máis o necesitamos. A boa nova e que isto pódese cambiar dándonos outro tipo de instrucións baseadas na aceptación en lugar da evitación ou supresión de pensamentos. Así, ao diminuír o control que aplicamos sobre as nosas emocións e pensamentos, podamos deixar espazo para gañar no control das nosas accións.

Lara Real Lema