Skip to main content
Colaboracións TERRACHÁXA

Patrimonio inmaterial do Castro de Viladonga

Por 8 Novembro, 2017Novembro 15th, 2017Sin comentarios

Na meirande parte de todos os xacementos ou sitios arqueolóxicos existen unha serie de contos e lendas presentes na tradición oral, as cales tratan de dar sentido e explicar a orixe destes enclaves e outros aspectos reais que os rodean. As interpretacións populares poden ter un claro valor de fonte arqueolóxica e etnográfica, enriquecendo os coñecementos sobre os distintos elementos patrimoniais e aportando información sociolóxica que nos mostre a súa relación cos habitantes da contorna.

O Castro de Viladonga non foi unha excepción neste eido, polo que gracias á laboura de moitos profesionais, dende fora e dentro do Museo do Castro, temos recollidos distintos relatos e lendas do seu folclore arqueolóxico, mostrándonos as interpretación que as xentes da contorna de Viladonga proporcionaron para explicar o que alí se atopaba, pois dende antigo o enclave onde se sitúa o Castro foi identificado coma un lugar máxico e singular, onde abondaban os aspectos descoñecidos e misteriosos para eles, diferentes á súa cultura galega de raíz cristiá e tradicional.

Patrimonio inmaterial do Castro de Viladonga.

Uns dos personaxes míticos por antonomasia das lendas do Castro son os mouros, criaturas as que se lles atribuía a construción dunha vila subterránea no alto do monte (lugar do xacemento) onde vivían ata ser expulsados polo apóstolo Santiago, cruzada por galerías polas que transitaban en busca de auga. A mina da Eira Grande sería un destes pozos, ó que se accedía por medio dunha escaleira de catorce chanzos por onde levaban os cabalos a beber ó río da Pena. Do Castro tamén partía unha canle cara a Fonte da troita en Couto de A (Ramil), onde conta a lenda que vivía unha princesiña moura convertida en peixe.

Outros seres fantásticos que nel habitaban baixo a forma de animal eran unha galiña e unha rolada de pitos de ouro, aniñados nunha cavidade no outeiro do Castro ós que se escoitaba cacarexar e piar, ademais un culebrón branco con ás.

Polo xeral os mouros e mouras aparecen como custodios de fabulosos tesouros e minas de ouro, idea á que o Castro de Viladonga non foi alleo, estendéndose a crenza da aparición de argolas, grades, tubos e outras xoias de ouro, achádegos dos cales non se pode descartar totalmente a súa veracidade, pois algúns coma torques e arracadas foron atopados realmente. Tamén existe a lenda que apareceu no lugar do Castro o famoso “esquilón”, unha campaíña custodiada na igrexa de Viladonga.

Por último, na mina da Eira Grande, podemos ollar outro elemento que inflúe de forma significativa no imaxinario do castro de Viladonga, a afamada carriza luminosa. Esta pranta é unha singularidade botánica en perigo de extinción (Schistostega pennata) que vive en lugares con pouca iluminación, tendo como característica distintiva a luz verde esmeralda que os seus filamentos reflicten. Aínda que esta carriza non forma parte do imaxinario, podemos confiar que de seguro contribuíu a crear un entorno máxico no que proliferaron as diferentes lendas e contos, xa que a súa rareza e cor puido ser identificada como parte física dun mundo de mouros e seres agochados nas galerías do castro nas que medraba.

Podemos concluír por tanto, que a necesidade de recoller e conservar este imaxinario paralelo ou folclore arqueolóxico está claramente xustificada, pois forma parte do patrimonio inmaterial do Castro, daquel que non podemos ollar de forma física, e da codificación sociolóxica e xeográfica das sociedades que viviron e viven en relación directa con este xacemento, as cales tentaron explicar un pasado que deixou unha fonda pegada na parroquia, na Comarca e na historia dos castros galaicorromanos.

Míriam Fernández