Vilalba Aberta presenta unha proposta de cobertura municipal co fin de garantir as liñas de autobús suprimidas pola Xunta

Parada de bus.

A asemblea de Vilalba Aberta ven de anunciar a súa derradeira iniciativa, a defender no vindeiro Pleno Ordinario de Novembro. Unha decidida resposta á inacción do Goberno Municipal, logo de que Xunta de Galicia implantase, a través da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, a última fase do seu Plan de Transporte co cese na actividade das máis importantes liñas de transporte público entre a vila de Vilalba e as súas parroquias. Un feito, que para a formación asemblearia representa “nun Concello onde unha moi grande porcentaxe da veciñanza é maior e se concentra maioritariamente nas parroquias, a práctica eliminación do único medio de transporte co que contan.” Na mesma liña se pronunciaba hoxe o seu voceiro, Modesto Renda, que cualificou a política de transportes da Xunta e a complicidade do Goberno Municipal coma “Un ataque sen precedentes, en tanto que vai supor para unha boa parte dos maiores das parroquias unha complicación engadida ou mesmo a imposibilidade de acudir ao médico e/ou de iren facer as súas xestións á vila.”

Neste senso, lembrou que foron varios os veciños e veciñas de parroquias tales coma San Simón, Samarugo, Lanzós, Corbelle e Goiriz, as e os que nos últimos días se viron obrigados a iniciar unha recollida de sinaturas para manifestar a súa desconformidade. “Protestan pola supresión do servizo regular de transporte que unía as parroquias coa vila, en definitiva, fronte o illamento ao que se verán reducidos/as no contexto dunha situación que non fai senón que afondar na vergoñenta fenda entre o núcleo urbano e os que o son do rural no noso Concello.”

É por isto que urxen ao consenso entre o conxunto das forzas con representación municipal, a fin da creación dunha empresa municipal de transporte de viaxeiros que asegure as anteditas conexións, valorando a posibilidade da participación privada, ou mesmo da colaboración en termos mancomunais cos restantes concellos afectados. Unha iniciativa que pretenden, ademáis, se proxecte compatible coa colaboración en proxectos de rutas turísticas no conxunto da Comarca, coma por exemplo a visita á Torre de Caldaloba, á lagoa de Cospeito, á Roza das Modias e aos cemiterios neogóticos, entre outras, a través da creación dunha nova oficina de turismo no Concello.

Etiquetas

Publicidade

Axenda

Publicidade

Todos os artigos e novas da anterior web están agora aquí: