Entran en servizo as novas conexións de transporte público que melloran as comunicacións das parroquias de Cospeito

O novo mapa de rutas de transporte público por autocar autorizadas pola Xunta que melloran, entre outros, as comunicacións das parroquias do municipio de Cospeito entran en servizo este mércores 15 de novembro.

As conexións estarán operativas todos os días laborais, ao longo de todo o ano, nas liñas entre Muimenta e Lugo (en ambos sentidos), Meira e Lugo (tamén en ambos sentidos), e a nova liña O Santo (Vilalba)-Lugo estación de autobuses, ás que habería que engadir a tradicional ruta entre Vilalba e Lugo e as rutas de transporte escolar integrado.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, acompañado do alcalde de Cospeito, Armando Castosa e do xefe territorial da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, Javier Arias, estrearon a nova ruta entre Lugo e Muimenta, en concreto, no tramo entre Feira do Monte e esta última localidade.

Balseiro e Castosa lembraron que con esta mellora pretende darse resposta a unha demanda municipal e veciñal, que o propio Concello xa solicitou incorporar ao novo plan de transporte durante o prazo de alegacións e que incorpora paradas na propia Muimenta e noutras parroquias rurais deste municipio como Feira do Monte, San Paio, Xermar, Santa Cristina, Goa, Santa María de Cospeito, Millavida/Pino, Támoga….

Sete novas expedicións
As novas expedicións que hoxe arrancan son sete. A primeira delas, como novidade incorporara a saída desde Muimenta ás 7 da mañá, inclúe paradas en San Martiño de Corbelle (vía o Carrizal), Rieiro, Fontebella, Moncelos, O Santo, Arxan, San Paio, Feira do Monte, Xermar, Triabá, Castro Ribeiras de Lea, Arcos, Cornide, Angroba, Rozas, HULA e estación de bus de Lugo. O segundo servizo, xa de regreso, terá saída da estación de bus de Lugo ás 13:00 horas, e chegada a Muimenta sobre as 14:25 horas.

Tamén haberá un novo percorrido na ruta con saída desde Meira, ás 11:00 horas, con paradas en Muimenta, Centro cívico Arneiro, Mesón de Eulogio (Roás), Bexán-Rubiños (Cruce LU-113/LU-P-1703) e Xustás (Cruce LU-113/CP-16-11). Esta linea chega á estación de bus de Lugo e inclúe unha parada anterior no HULA. Habería un segundo horario, igual que o anterior, pero con saída de Meira ás 15:00 horas e parada en Muimenta, sobre as 15:30 horas, máis ou menos. A liña de regreso, con saída na estación de bus de Lugo, ás 19.30 horas, paso polo HULA, inclúe tamén paradas en Muimenta, sobre as 20.30 horas aproximadamente e chegada a Meira ás 21.00 horas.

Outras das novidades é a nova ruta O Santo (Vilalba) ata Lugo (estación de autobuses) pola LU-111 e nacional VI. En Cospeito terá paradas en Goa, Santa Cristina, Feira do Montes, Santa María de Cospeito, Pino e Támoga. Esta ruta incorpora tamén parada específica no HULA. Dirección Lugo esta ruta ten saída desde O Santo ás 8 horas e regreso ás 15 horas desde Lugo.

Outras rutas con paradas na parroquia do rural
O plan de transporte público por estrada contempla tamén paradas en Cospeito noutras rutas xa operativas como entre Vilalba e Lugo, con paradas en Grandavella, San Paio, Feira do Monte, Cospeito e Xermar. Neste caso hai frecuencias de saída ás 12, ás 17 horas e de regreso desde Lugo ás 10 horas e 19 horas

Finalmente a todos estes servizos teríamos que sumar a nova posibilidade das rutas de transporte escolar integrado, que permite aos viaxeiros regulares empregar as prazas que queden baleiras no autobús escolar. Este servizo compartido estará en funcionamento nas rutas interiores Feira Do Monte-A Veiga da Acea, Castro 3-A Bouza, CPI Virxe do Monte-Cruce Xesto, Feira Do Monte-CPI Virxe do Monte, Feira Do Monte-Vilaester, Cruce Xesto-Pista Regueiro e Castro 3-Xermar

Etiquetas