Variadas iniciativas culturais e deportivas para homenaxear a Xose da Flor

Máis dunha trintena de amigos, familiares e representantes de diversas asociacións e colectivos culturais únense para homenaxear ao meirego recentemente falecido Xose da Flor.

Foi a través dunha convocatoria da Asociación Cultural EME de Meira pola que se reunían representantes da asociación A Chaínza, a Liga Nacional de Billarda, a Asociación Carabullo, Meira Club Fútbol, U.D. Pastoricense, Gaitafilmes, Microefectos Dramatúrxicos, asambleas locais do BNG de Meira, A Pastoriza ou Castro para elaborar unha homenaxe conxunta e para a que tamén teñen manifestado a súa colaboración amigos persoais ou representantes da Asociación Trailará, o Colectivo cultural Ollomao, Xermolos de Guitiriz, Palimoco Teatro e varios monologuistas e contacontos.

Así, as propostas recollen dende un aberto de billarda ou un partido de fútbol amigable entre os dous equipos nos que ten xogado o homenaxeado – Meira CF e UD Pastoricese-, exposición de textos e fotos de Xose da Flor, adaptación teatral dalgún texto seu a cargo de Microefectos dramatúrxicos, un concurso de curtametraxes convocado por Gaitafilmes relacionado co homenaxeado ou algunha actuación de monologuistas e contacontos en recordo de Xose.

O directivo de Eme de Meira –ata agora presidida polo propio Xose Salgado-, Felipe Nieto, explica que “estas propostas se concentrarán na última fin de semana do ano. Concretamente o sábado 30, aínda que algunha delas se podería adiantar para non facer tan extensa esa xornada”.

Tamén como mostra de confraternidade, barallan a organización dunha comida ou cea no pavillón municipal entre os participantes nesta homenaxe no seu recordo.

Polo momento están xa a traballar nas distintas iniciativas ás que se suma Xermolos -que mesmo baralla poñerlle o seu nome a algunha das actividades do Festival de Pardiñas-. E tamén no desenvolvemento de Cantos de Taberna en Meira; xa que era “unha das últimas actividades nas que estaba pensando Xose xunto con outros colectivos coma Trailará”.

Biblioteca Municipal Xose da Flor

Outra das iniciativas baralladas na xuntanza foi a petición ao Concello de Meira de poñerlle á Biblioteca Municipal o nome de Xose da Flor, ademais de declaralo “fillo predilecto” a título póstumo e determinar un espazo para instalar un “memorial”.

Felipe Nieto, tamén voceiro do BNG de Meira, avanza que tivo xa a oportunidade de falar cos voceiros socialista e popular do municipio e que lle teñen manifestado o seu apoio a estas iniciativas que el mesmo pretende trasladar durante o vindeiro pleno ordinario.

Etiquetas