Ata 20 homenaxes na II Gala do Deporte de Vilalba

En sinal de recoñecemento aos deportistas, clubs ou entidades vilalbesas polo seu labor a favor do fomento e promoción do deporte no municipio, o Concello facía entrega dunha ducia de premios e oito mencións especiais.

Os premiados resultaron ser: Gabriel Tembrás na categoría de mellor deportista; Beatriz Felpeto como mellor deportista promesa; a Escola de Movemento 16/17 como equipo; Simón Lamas, como adestrador; o Club de Loitas Olímpicas de Vilalba na categoría de club e o TDM Vilalba pola súa labor de promoción do deporte base. Isma Vázquez foi recoñecido como a mellor traxectoria deportiva; José Luis Díaz por toda unha vida dedicada ao deporte; e José Luís Ruiz Lombao pola súa labor informativa. O premio ao mellor evento deportivo da temporada 16/17 foi para a III Ruta BTT Terra Chá de Ciclismo; o de mellor deportista con diversidade funcional, para Iván Montero; e como patrocinador foi recoñecido Valdesuso Peugeot.

O xornalista Alfonso Hermida, que actuaba como padriño, recibía unha delas xunto á xuiza de atletismo Marta Felpeto, Rosendo Rouco -a título póstumo-, o I Torneo festas San Cristóbal 1983 de fútbol sala, o equipo de Campo a través do Ínsua Bermúdez, Pepe Franco (Protección Civil) e a Policía Local en sinal de recoñecemento ao seu traballo durante os máis de 300 eventos deportivos que se desenvolven na vila sen ningún incidente.

A mención especial que se mantiña en segredo era para o presentador da gala, Toni López.

Etiquetas