Skip to main content
Colaboracións TERRACHÁXA

Foise un líder

Por 11 Decembro, 2017Decembro 13th, 2017Sin comentarios

O ano vai rematando e xa comezamos a facermos balance de como foi indo o asunto. E non podía faltar, por suposto, unha ollada para aqueles que marcharon definitivamente e xa non nos acompañarán.

Semanas atrás, un dos imprescindibles tomou ese camiño: Xosé Manuel Carballo, ese peculiar crego de Castro de Rei, coñecido e admirado polas súas múltiples facetas. Non resulta doado falar dun personaxe das características deste home. A súa labor pastoral, á que se dedicou en corpo e alma, foi unha das súas tantas e variadas andainas. Cinguirse a ela levaría consigo cometer un erro lamentable, porque de Carballo poderíamos sinalar moitos adxectivos, todos eles positivos, a continuación de cada unha das “profesións” que desenvolveu. Mago e ilusionista, impulsor e dinamizador cultural, escritor, mestre e ata político, foron os seus traballos. En todos eles un denominador común, compromiso con Galicia, coas súas xentes, especialmente co mundo rural e por riba de todo coa súa terra, a Chaira. De novo, un non pode pasar a ocasión de loubar a traxectoria deste home de Deus dentro dunha Igrexa moitas veces ausente e con escasa empatía. Unha excepción á que deberíamos engadir outros ilustres xa falecidos, tamén chairegos, como Bernardo García Cendán ou Xosé Chao Rego. Xosé Manuel Carballo, sen abandonar o seu ministerio cos correspondentes votos si tivo o valor de desafiar as altas instancias como naquel ano oitenta cando como impulsor das Romaxes de Crentes Galegos, a romería que unía a fe coa galeguidade, foi ameazado polo bispo de Ourense da época con ser excomulgado. Esas inquietudes conducírono a ser un auténtico dinamizador cultural nuns momentos en que desde as administración públicas nada se facía nese eido. Tivo a capacidade de lanzarse á escritura, con obras propias e adaptando outras á realidade próxima, colaborar como articulista en prensa e participar en programas de radio e televisión. Tamén foi mestre, sendo coñecido polos seus alumnos co apodo “O Seco”, pola súa eterna figura delgada, pero sempre respectado e admirado. E a súa vena artística non quedou aí, destacando as súas actuacións como mago e ilusionista polas distintas parroquias e vilas da bisbarra, así como doutras zonas de Galicia. Ilusionar para alimentar a esperanza da xente era un dos seus lemas. O grao de implicación levouno incluso ata a política, sendo concelleiro do seu municipio na primeira corporación democrática e a fundar un sindicato agrario.

O humor foi unha constante na súa vida e así o transmitía ós demáis. Nin siquera a proximidade da morte foi quen de minar esa ironía e retranca tan propias del, cando lle contaba a un amigo que tiña unha moza moi estilizada chamada Anemia, pero que a el lle gustaban máis gordiñas. Apenas un par de meses había que deixara de atender os fregreses, coa máquina de osíxeno pegada a el. O cancro de larinxe estaba gañando a última batalla.

En definitiva, a Terra Cha perde un auténtico Líder, con letras maiúsculas, un crego que puxo os pes na terra e que se dedicou plenamente ós seus.

Pablo Veiga.