Skip to main content
Colaboracións TERRACHÁXA

Os libros son o mellor complemento de estilo (comprobado!)

Por 11 Decembro, 2017Decembro 13th, 2017Sin comentarios

Fai unhas cantas temporadas, marcas de bolsos de luxo como Charlotte Olympia ou Olympia Le Tan conquistaron os corazóns –e os petos- dos amantes da moda coa súa aposta por complementos inspirados en libros clásicos. Xa fosen bordadas, con detalles brillantes ou motivos en relevo, en veludo ou estampadas, as súas portadas convertéronse nunha constante, contribuíndo a darlle un toque intelectual a calquera outfit. E así foi como influencers e seguidoras das tendencias remataron paseando polas súas de París, Londres, Milán e Nova York cun Alicia no País das Marabillas, A laranxa mecánica ou Sentido e Sensibilidade de pega debaixo do brazo.

Sen embargo, a simbiose entre a literatura e os complementos de moda non quedou niso. Os libros son xa –e oficialmente- a última ferramenta de estilo. Palabra de Instagram.

 

O libro, un complemento.

Bookstagrammers, ao servizo da causa

Se ata fai apenas uns anos a prescrición de tendencias repousaba nas mans de blogueiras e blogueiros de estilo, o pastel da influencia comeza agora a repartirse entre novos e sorprendentes competidores. Ademais da ameaza foodie (que trunfa nas redes a base de doses e máis doses de food porn), avanza con paso firme a marea de bookstagrammers. A súa arma para atraer ao público? As fotos estudadas con libros como protagonistas principais ou secundarios. En Instagram, os perfís dedicados a comentar lecturas cóntanse por milleiros. Conquistan likes, suscitan comentarios e obteñen máis regrams que ningún outro. Fan suspirar de envexa, de anhelo, de desexo … intelectual. E é que os libros son como os flamengos rosa, as piñas douradas ou as figuriñas cactos, pero sen data de caducidade. O fondo de armario de calquera influencer que se prece.

Mais esta febre non só ten consecuencias no universo dos selfies e as redes sociais. Que todo o mundo quere unha biblioteca cuquiña para presumir de decoración? Pois a industria editorial ponllo doado. Un bo exemplo é Austral, que está a recuperar grandes clásicos das letras universais cunha estética irresistiblemente millennial. Como atractivos resultan os exemplares de dúas casas editoriais de recente creación: Malpaso e Blackie Books. De boca en boca –ou, mellor dito, de foto en foto-, os seus títulos convértense en virais. O preciosismo levado aos libros vende, e moito. De aí o idilio permanente que viven bookstagrammers e editoras.

 

Lecturas VIP

Ler (ou posar en actitude de estar a facelo) forma parte da rutina cool do momento. Cultivar o intelecto, reivindicar o rato de biblioteca que un leva dentro é tan atraente para os seguidores como lucir unha edición exclusiva dun bolso Vuitton. E nesta vaga xeral de fascinación pola lectura, hai algunhas celebridades que levan a dianteira.  Por que limitarse a facer comentarios podendo poñer en marcha auténticos clubs literarios na Internet? Tal é o caso do de Reese Witherspoon (@reesesbookclubxhellosunshine), que conta con máis de 220 mil seguidores en Instagram e onde comparte suxestións mensuais e estimula debates arredor delas.

Tamén é coñecida a iniciativa de Emma Watson (@emmawatson), actriz e activista polos dereitos humanos, que lidera desde 2016 unha campaña de intercambio de libros de temática feminista no metro de Londres. A través do seu perfil en Instagram, vai sementando e deixando pistas para descubrilos.

Verdadeiro alimento para o pensamento.