A vila romana de Vilar da Graña

Por Miriam Fernández

Arecente publicación dos “Premios Xermade na Historia” recolle un magnífico estudo do ano 2015 sobre a Xermade Castrexa e Galaico-Romana redactado por Javier Gómez Vila, M.ª del Mar Neira González e Rubén Borajo Santos, no cal se profundizou e actualizou a información sobre este xacemento,permitíndonos coñecer a fondo unha das poucas vilas romanas descubertas ata o momento na Terra Chá.

Este xacemento está situado no barrio de Vilar da Graña, parroquia de Roupar, a 200 metros sur do asentamento castrexo que se empraza no centro da aldea, cunha extensión aproximada de 5,25 hectáreas. O achádego tivo lugar nos anos 70, froito de distintas labouras agrícolas que fixeron rexurdir os seus restos, ademais das escavacións efectuadas por Vidal Rodríguez e as prospeccións en superficie dos autores deste recente estudo. Tradicionalmente os veciños da zona eran coñecedores da existencia “dun pobo afundido”, datos que Vidal recopilou nas súas publicacións sobre os constantes afloramentos.

O xacemento é un asentamento romano rural, unha vila rústica (vilae), e dicir, unha casa de campo aristocrática ligada a unha actividade agrícola, gandeira ou explotación mariña, que posúe unha serie de terreos e instalacións destinadas á vivenda dos propietarios e traballadores e á almacenaxe e a transformación dos produtos. O espazo residencial soe ser o máis destacado, o cal dispuña de distintos elementos de confort e prestixio segundo capacidade económica da familia, tales como as termas, sistemas de hipocausto, pinturas, mosaicos, etc.

Nembargantes, os autores do recente estudo van máis alá na súa catalogación, indicando que se trataría concretamente dun tipo de “conglomerado secundario” denominado vici, un asentamento situado na ladeira dos castros cun tamaño máis grande que as vilae que desenvolvían (a maiores) actividades artesanais, industriais, comerciais e de prestación de servizos ós que se desprazaban polos camiños ou vías. Certamente o xacemento de Vilar da Graña comparte moitas destas características que estes profesionais souberon identificar, como o emprazamento na ladeira do castro, a ubicación a carón da vía romana que enlaza o Campamento Romano de Cidadela (Sobrado) coa costa de Lugo, o desenvolvemento de outras actividades como a transformación do ferro (típico na comarca) e presenza dos restos dun gran balnea (recinto termal).

En canto ós restos, custodiados principalmente no Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba, o Museo Provincial de Lugo e airas particulares, atopáronse fragmentos de cerámica de mesa e de cociña común romana e castrexa, cerámica de engobe vermello pompeiano, tellas, tubaxes de cerámica, escoura de fundición, muiños, etc.. De todo o descuberto cabe destacar varias estruturas moi significativas relacionadas co recinto termal: o hipocausto, dous arcos do hipocausto, unhas escaleiras de acceso a unha das piscinas e un muro que podería pertencer ó acueducto que abastecería o recinto. O hipocausto era un sistema de calefacción doméstico no que se canalizaba, baixo o chan, o aire quente procedente dun forno do exterior mediante unha estrutura de columniñas de ladrillos ou granito (falso chan), permitindo quentar os cuartos ou, neste caso, as distintas estancias do balneario. Os autores indícanos que un dos arcos mencionados trataríase da boca do forno e outro de comunicación entre salas. O tamaño deste hipocausto, cunha cámara maior de 17,32 m², está identificado coma o mais grande de Galicia, dato que nos fala do tamaño e, por tanto, da importancia que de seguro tivo esta vila no territorio coma un centro produtivo, comercial e de prestacións de servizos viarios que abasteceu e conectou as terras de da actual Xermade con toda a Gallaecia.