Cartos caídos do ceo

Por Pablo Veiga
Coa nosa voz

As probabilidades de que toque un premio importante  na lotaría de nadal son tan remotas que, se o pensásemos ben, aforraríase a compra de décimos ou participacións, xa que se consideraría un gasto totalmente inútil. Mais resulta evidente que nalgún lugar si toca e polo tanto tamén existen persoas agraciadas. E esta vez, vaia se tocou. Catro décadas despois, o Gordo foi vendido nun bar vilalbés, repartíndose entorno ós 520 millóns de euros, que se antollan moitos cartos do noso Señor. Evidentemente, un súmase á desbordante ledicia que xerou o sorteo do día vinte e dous de decembro. Primeiro, á vista das informacións obtidas, a sorte sorriu a un importante número de familias residentes na Chaira e doutros lugares, cada unha delas coa súa particular historia e grao de necesidade. Todas elas abofé que terán un ou varios ocos que completar. En segundo termo, non cabe dúbida que repercutirá na economía da bisbarra e moitos negocios obterán uns ingresos extras ante as ansias de darlle pasaporte a unha boa parte dese diñeiro. O comercio en xeral, e particularmente inmobiliarias e concesionarios de coches notarán que algo extraordinario aconteceu. E de seguro que as comidas e ceas desta época do ano habían ser máis copiosas cá nunca, así como os Reis Magos e o Apalpador, tamén algo máis xenerosos do habitual. Canto poder ten o diñeiro … e quen diga o contrario, mente. Ós poucos minutos de coñecer a boa nova, o persoal das oficinas  bancarias da vila de Vilalba andaba tal cans de presa na procura dos afortunados. Esa mañá non agardaron nos despachos, senón que saíron deles para atoparse cos novos ricos. Agora vides… dicía unha señora á que lle sorriu a sorte, logo de intentos que fixera ela para conseguir un préstamo. A disposición era máxima e con horarios de atención ilimitados. Como se houbese que estar abertos o día de nadal ou minutos antes de comer as uvas. Todo pola causa.

O certo é que cada décimo premiado co gordo supón 320 mil euros, descontado a correspondente reducción que xa se encarga a  Axencia Tributaria de cobrar. Veñen sendo algo máis dos cincuenta millóns de pesetas antigos. Unha animalada de diñeiro, pero que tamén pode resultar moi doada de dilapidar. Existen estudos que afirman que unha considerable porcentaxe daqueles que gañan importantes sumas en lotarías ou quinielas,  arruínanse en apenas uns anos. De aí que se pida prudencia e mesura á hora de xestionar esas cantidades, cuantiosas por suposto, pero que non son un pasaporte que aseguren un benestar absoluto. Comprar compulsivamente ou realizar investimentos sen o necesario estudo e asesoramento poden derivar en pésimas consecuencias. Xa di o refraneiro galego, que é moi sabio “Deus nos libre dun pobre enriquecido”.. En definitiva, o ano acabou extraordinariamente ben. Aqueles a quen a deusa fortuna lles chiscou o ollo,  que o disfruten e que lles sirva na medida do posible para mellorar a súa calidade de vida. Ogallá.