Lotería

Por Lara Real Lema
Psies Psicoloxía

estas alturas, ben é sabido que a lotería de Nadal tocou en Vilalba, polo que antes de nada ¡noraboa aos premiados! A min non me tocou e tampouco vou empregar iso de “o importante é ter saúde” porque levo cunha gripe rabiosa dende o ano pasado. En España ata o 80% dos adultos xogamos de xeito directo ou indirecto á lotería de Nadal, coa peculiaridade de que, ademais en moitos casos, o facemos en grupo. Se tiveramos en conta as leis do azar, e a baixa probabilidade de que toque, ningún de nós xogaría, pero neste caso nos deixamos levar polo efecto arrastre e polo medo que temos a que lle toque a outros e non a nós, como no anuncio de Antonio de fai uns anos. Pero ¿qué pasa cando toca a loteria? ¿canto dura a ledicia das persoas descorchando champán? Se facemos caso aos estudios… pouco. A psicoloxía di que os cartos non solucionan a vida por moito que esa sexa a ilusión de moitos. Nun primeiro momento arranxaremos moitos problemas económicos, pero poden aparecer outros, como por exemplo nas relacións persoais. Os cartos poden provocar envexas, dúbidas acerca das amizades, sentimentos de obrigación… De feito unha investigación levada a cabo no ano 1978 polo psicólogo Philip Brickman mostraba que, un ano despois de conseguir un premio, un grupo de gañadores da lotería non eran máis felices que un grupo de non gañadores. Se son sincera, eu preferiría estar no lado dos gañadores, máis que nada para dar a miña versión. E ¿cómo afecta ser posuidor dun boleto premiado as ganas de traballar? Unha das frases máis recurrentes é a de “se me toca a lotería, deixo de traballar”, polo que debería producirse un efecto de acción-reacción, pero a realidade demostra que poucos son os que realmente o fan. Os investigadores suecos Furaker y Hedenus fixeron un amplo estudo sobre o tema e sinalaron que so o 12% dos gañadores entrevistados (ao redor de 500) mandaron ao xefe a paseo, mentres que un 62% continuou traballando como se nada. O resto, ou ben reduxo a súa xornada laboral ou solicitou unha excedencia. Aínda que as veces non nos apeteza, traballar é un xeito de sentirnos produtivos e de ter contacto coa xente. Tendo isto en conta, moitos agraciados deciden montar un negocio, é a oportunidade de pasar de ser un mandado a ser o que manda. O problema é que as veces imaxinar que un é o xefe dun próspero negocio é máis sinxelo que enfrontarse ao día a día da xestión dunha empresa e as persoas inexpertas poden perder diñeiro e, o máis importante, sentirse fracasadas se lles vai mal. Dato aparte, é a tendencia ao malgasto de moitos premiados: casas, coches, barcos, xoias… Todo obxecto vale o que custa conseguilo, e se non custa nada, non vale nada para a persoa que o obtén.

Dito así parece que a lotería é unha maldición e por suposto isto non é certo, non é unha fatalidade que a un lle chovan cartos. A fatalidade chega con decisións impulsivas. Pola contra pode ser un bo momento para atoparte a ti mesmo e tendo en conta que non hai barreiras económicas, preguntarte  ¿qué é o queres de verdade?.