País helicóptero

Por Lara Real Lema

Relata Eva Millet no seu libro “Hiperpaternidade. Do modelo moble ao modelo altar” a historia dunha universitaria americana que quedou pechada nun ascensor en Barcelona e que en lugar de premer o botón de alarma, ou berrar pedindo axuda, chamou a súa nai a Estados Unidos e foi ela a que de xeito transoceánico, se encargou de solucionar o problema. A rapaza protagonista non tiña ningún tipo de dificultade para comunicarse, nin discapacidade para escoitar ou falar, simplemente non foi capaz de solucionar un pequeno problema porque nunca o fixera.

Quizais este sexa un caso extremo do que hoxe dáse en chamar “pais helicóptero”. Este tipo de hiperpaternidade é a que se define como aqueles pais súper protectores e intromisivos que sobrevoan pola vida dos seus fillos advertíndolles dos posibles perigos e evitando que cometan certos errores, que por outra parte son fundamentais para desenvolver certas capacidades.

Se afondamos un pouco no tema, este termo non e novo, de feito apareceu alá por 1969 cando na consulta dun psicólogo infantil, un paciente dixo que estaba farto de que a súa nai sobrevoara sobre el como un helicóptero, pero non foi ata o ano 2000 cando se retomou para facer referencia a un fenómeno que estaba a estenderse entre as familias de clase media dos países máis desenvoltos.

¿Cómo podemos saber si estamos ante pais helicóptero? Polo xeral falan sempre en plural (“¡cantos deberes temos hoxe!”), hiperestimulan aos seus fillos a base de actividades extraescolares co obxectivo de que estean “ben preparados para a vida” aínda que os nenos non amosen ningún interese. E por último, impiden que os seus fillos resolvan os seus propios problemas, mantendoos nunha burbulla de cristal e converténdose en moitos casos na súa voz, impedindo que desenvolven as súas propias estratexias de resolución de conflitos.

Dicía o escritor Michael Houellebeck que non hai ningunha moda estadounidense que non lograra inundar Europa occidental uns anos máis tarde, polo que podemos dicir que a hiperpaternidade é en realidade, un signo dos nosos tempos, e case todos os proxenitores teñen certo grao de hiperpais, ¿Quen non se converteu nalgún momento nun pai bocadillo, perseguindo ao cativo polo parque coa merenda na man?

Todos os pais queren o mellor para o seus fillos, pero as veces esa ansia de control, escápase das mans. Se lendo isto pensas que podes estar a piques de converterte nun pai apisoadora, deses que achanda todos os camiños, podes poñer en marcha estas estratexias. Para empezar, practica a san desatención, non esquezas que tes unha vida fóra da familia; deixa que se aburran, non os satures de actividades e permite que aprendan a xestionar as horas mortas. Tamén é importante deixar que cometan os seus propios erros, xa que en moitos casos son o único xeito de aprender ademais que fortalecen características como a perseverancia, a autonomía e a confianza nun mesmo. E por último, é importante ter presente, que as veces a mellor forma de estar é non estar.