Reinos de sangre. La forja de España, de Óscar Eimil

TerraChaXa
Por lucía Otero gato Os amantes da lectura e da historia teñen á súa disposición nas librerías, desde o pasado mes de novembro, unha obra apaixonante que de ningún xeito poden ignorar: Reinos de Sangre.
Lucía Otero Gato
20 Feb 2018

Por lucía Otero gato

Os amantes da lectura e da historia teñen á súa disposición nas librerías, desde o pasado mes de novembro, unha obra apaixonante que de ningún xeito poden ignorar: Reinos de Sangre. La Forja de España, do escritor vilalbés Óscar Eimil (editorial Almuzara). Trátase dunha novela histórica que se presentou en primicia o día 22 de decembro en Vilalba, nun acto no que interveu, xunto co autor, Carlos López Ferreiro, administrador de “Vilalba na rede” —e tamén gran amigo meu—. A novela narra maxistralmente o proceso de Reconquista levado a cabo no século XI por Fernando I o Magno, rei de Galicia, León e Castela, e as loitas fratricidas dos seus tres fillos varóns para lograr o poder tras a morte do soberano, quen decidira repartirlles en vida o seu reino, a pesar do seu soño de acadar unha Hispania imperial. Ao final da súa vida o rei Fernando é unha persoa atormentada pola súa conciencia, que sabe que non hai pecado que quede sen castigo; dáse conta de todas as atrocidades que cometeu e, ante as portas da morte, realiza un acto de contrición. Así nos retrata Eimil o remordemento do monarca: “Muchos y muy graves son los pecados que he cometido —piensa, compungido—. No hay mandamiento de la Ley de Dios que con contumacia no haya comprometido: he sido adúltero, blasfemo y fornicador. He odiado a mi padre y a mi madre, y la avaricia me ha consumido en una lucha incesante por la acumulación. Pero lo más grave, sin duda, lo que más pesa y ensombrece mi alma, es que he sido un homicida, tanto como pocos de los que por la Tierra pasaron antes que yo [...]”

Desde a primeira páxina a novela consegue engaiolar ao lector, que penetra inmediatamente na trama grazas á utilización de mecanismos como o monólogo interior. A narración flúe dunha maneira natural a través dun narrador omnisciente en terceira persoa. Somerxerémonos na época medieval e sentiremos o frío, o sangue, a intriga, a traizón e a destrución. Destaca especialmente a gran calidade da escrita, algo que é inusual nun escritor novel. Eimil mostra un excelente dominio da descrición, do diálogo e das palabras, buscando —e atopando— en cada un dos capítulos un equilibrio entre o “telling” e o “showing”. O resultado é unha obra literaria espectacular e interesantísima que lle gustará a todo o mundo, non só aos fanáticos da historia. Unha das partes máis curiosas do libro é sen dúbida cando o monxe boticario Gudesteo desenterra un cadáver para quitarlle un cacho de fígado co que lle elaborará un bebedizo ao moribundo rei Fernando, intentando así retrasar a inminente morte do soberano.

En conclusión, Óscar Eimil ofrécenos con esta atractiva novela, repleta  de acción, emoción, deslealdade e morte, a posibilidade de mergullarnos no incipiente mundo baixomedieval hispánico. De elevada calidade literaria, a opera prima deste vilalbés é altamente recomendable (e entretida) e non deixa indiferente a ninguén. De feito, o éxito do libro ata agora foi tan grande que a editorial xa está preparando unha segunda edición. Parabéns, Óscar! Agardamos a seguinte.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18966889381409