Imprescindible lembranza

Por Pablo Veiga

Xa hai oitenta anos daquela época maldita onde unha guerra civil, cruel e salvaxe coma todas, causou mortes prematuras, enfrontamentos fraticidas entre irmáns e desolación. Galicia non chegou a ser escenario de batallas como si foron outras áreas xeográficas do Estado, mais non foi allea ás consecuencias dese feito histórico. Aquí tamén tivemos homes na primeira liña, que loitaron por non se sabe que, moitos deles volveron coas marcas no seu corpo e na súa alma e outros nin siquera tiveron a sorte de retornar ás súas casas. E aquí tamén houbo perseguidos, encadeados e executados –paseados era o termo utilizado-.

“Os nomes do terror” é unha obra na que participaron entre outros Xosé Ramón Hermida e Carlos Nuevo Cal; foi presentada recentemente en Vilalba, acto organizado polo Iescha. Nela visualízanse aquelas persoas chairegas, si, residentes nos nosos concellos, que foron vítimas da represión, con resultado de morte, violenta por suposto, en máis de trinta casos, nos que se atoparía un cura, Andrés Ares, o único crego galego ó que lle arrincaron a vida. E quen eran, a que se dedicaban e por que os liquidaron… Foron detidos, torturados e paseados fundamentalmente polas súas ideas e militancia política, pero incluso a simple sospeita ou delación era suficiente razón para ser sentenciado. Unha  muller entre esa trintena, esposa dun concelleiro das Pontes, ó que tamén aniquilaron xunto a dous fillos. O que fora alcalde de Castro de Rei, Severino Rivas Barja, fusilado en Portomarín e o primeiro exhumado en Galicia pola Asociación Recuperación da Memoria Histórica, tra-la loita constante do seu fillo. Un zoqueiro de Pol, un mestre de Muras, un ferroviario de Guitiriz ou un labrego da Pastoriza. E así ata sumar esa cifra de máis de trinta, ós que lle teríamos que engadir outros que morreron logo da estadía en prisión e os malos tratos sufridos. Que dicir daqueles represaliados, definidos polos autores deste libro de mortes civís, como foron os 48 mestres apartados da súa labor docente por motivacións políticas. Non se poden esquecer as vítimas colaterais, as familias directas desas persoas encadeadas e/ou paseadas, mulleres que obrigadas a facer de nai e pai nunha época de miseria, rodeadas de nula empatía cara a súa circunstancia, marcadas igual cós seus fillos por un entorno hostil.

Neste libro, tamén se fala dos verdugos, responsables de levar a cabo estes actos criminais, algúns veciños porta con porta coas súas vítimas, das que non tiveron nin a máis mínima compaixón.

Resulta de imprescindible esta lembranza cara estas persoas que tiveron a mala sorte de pensar diferente ou simplemente por ser obxecto de envexa por parte de quen naquela infame época tiña a potestade de decicir que facer coas vidas dos demais.

Pasaron oito décadas. Non se persegue venganza, porque tampouco procede, mais si restituír a honra e o nome daqueles ós que lles negaron o dereito máis elemental e foron tratados sen piedade. O seu exemplo, silenciado durante tanto tempo, segue presente.

Non se pode perder a memoria. Sen ela, dificilmente se construirá un futuro mellor.