A Deputación aproba 6,5 millóns en axudas para a dinamización económica da provincia

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, informou que o Executivo Provincial aprobou na última Xunta de Goberno o orzamento para o Plan Estratéxico de Subvencións de 2018 (PES), que ascende a 6,5 millóns de euros. Estes fondos son para axudas principalmente ao conxunto de tecido asociativo lugués cos que contribuír ao desenvolvemento de proxectos que dinamicen económica e socialmente a provincia.

O 6,5 millóns de euros do PES distribúense do seguinte xeito: máis de 3 millóns de euros para proxectos de fomento do emprego e dinamización económica a través da agricultura, gandeiría, pesca, turismo, artesanía, deseño e medioambiente; máis de 1,1 millóns para o impulso do benestar social, igualdade e educación; 1,6 millóns para a promoción da actividade deportiva e preto de 800.000 para a cultural.

Son axudas nominativas, excepcionais ou de concorrencia competitiva. Dentro da aposta por unha Deputación coas persoas, social e rural, na concesión valorarase favorablemente os proxectos dirixidos a promover a cohesión social, a igualdade, a fixación de poboación no rural ou a xeración de emprego. Realizaranse controis de seguimento para garantir o cumprimento do fin polo que se concede a subvención para o seu pago e estudaranse os resultados acadados.

Etiquetas