Vilalba e Guitiriz únense no uso responsable da auga

Os concellos de Guitiriz e Vilalba uniron esforzos para botar adiante un proxecto dirixido ao uso responsable dos recursos hídricos. Un dos eixes principais desta acción foi a publicación de 2.000 guías didácticas sobre esta cuestión que se repartirán entre a poboación para conciencialos sobre o coidado no consumo de auga. Ademais, este decálogo conta cunha serie de consellos e mecanismos que axudan no aforro.

O manual foi elaborado por Llerena Perozo e ediatado por Auga Editora e os consellos que aporta abranguen tanto ao fogar, como a industria e mesmo ao rural. O obxectivo que plantexa esta edición é que non só se aforre, senón que tamén se reutilice a auga.

As guías repartiranse a través dos comercios, locais, asociacións e centros educativos de ambos os dous concellos co obxectivo de que este libro pase a formar parte de todos os fogares e se sigan algunha das pautas que explica, como a educación dos pequenos.

A autora do manual explicou que en Galicia, pola nosa climatoloxía, dase a auga por sentada “pero non é así, é algo que hai que protexer”.

Os alcaldes dos dous concellos participaron na presentación desta guía, que tivo lugar no Muíño do Rañego de Vilalba. Regina Polín asegurou que esta publicación é un inicio para continuar coa organización de actividades vinculadas ao aforro de auga. Agustín Baamonde asegurou que a poboación ten que ten en conta o ciclo cambiante da auga para estar preparados para o futuro.

 

Etiquetas