Novas axudas da Deputación para clubs de Primeira e Segunda Nacional

O Executivo da Deputación aprobou novas axudas de 470.000 euros para clubs lucenses de Primeira e Segunda División Nacional. Así o informou o Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, que explicou que “trátanse das axudas dirixidas a equipos da provincia que participan en campionatos oficiais federados de Primeira ou Segunda categoría absoluta estatal, e non son sociedades anónimas deportivas. Estas últimas son o CD Lugo e o CB Breogán coas que, como na pasada anualidade, se asinará un contrato de patrocinio, beneficioso tanto para os clubs como para o conxunto da provincia”.

Rivera Capón subliñou que “hoxe aprobamos as bases que rexerán a concesión destas axudas, ás que poden concorrer o Burela FS Pescados Rubén, o Prone Lugo FS, o CB Durán Maquinaria Ensino, o CV Emevé e o Perruquería Mixta Friol. Estas bases, que incorporan criterios obxectivos e sociais, publicaranse previsiblemente a vindeira semana no Boletín Oficial da Provincia. O prazo para presentar as solicitudes será de 10 días hábiles, a contar dende o día seguinte da publicación no BOP”.

O Deputado lembrou que estas axudas van dirixidas a continuar sendo a Deputación galega que máis inviste en deporte na provincia, tal e como apuntan os medios especializados. Rivera Capón explicou que a de Lugo é a terceira Deputación de todo o estado que mais inviste por habitante, superando os 12,90 euros.

Os beneficiarios das axudas de concorrencia non competitiva, poderán solicitar un anticipo do 80%, e, como novidade, os clubs poderán destinar ata un 30% da axuda á financiar gastos federativos, ou de transporte das categorías inferiores. “Todo isto dentro da nosa aposta por potenciar e colaborar co deporte bases”, apuntou.

As bases que rexen a concesión de subvencións en réxime de concorrencia non competitiva incorporan criterios obxectivos e sociais á hora de conceder as axudas. Deste xeito, para concretar a contía da subvención introdúcense algunhas pautas como os anos de historia do club. Tamén se valora a actividade social que desenvolve na provincia, co fin de ir máis aló do estritamente deportivo. Outro dos puntos fortes ten que ver co apoio ao deporte de base, o que supón unha petición expresa dos propios clubs, premiando ás entidades que fomenten o deporte entre os máis pequenos.

MOCIÓN DE APOIO AO DEPORTE BASE

O Goberno da Deputación levará ao Pleno Provincial unha moción para instar ao Consello Superior de Deportes, dependente do Ministerio, e á Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia a desenvolver un plan de apoio económico ao deporte base, no que se inclúa unha nova regulación laboral máis flexible para as persoas que colaboran e forman parte de clubs e entidades deportivas sen ánimo de lucro.

O Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón subliñou que “a lexislación estatal aplicable en materia laboral e deportiva está a poñer en serio risco a supervivencia de clubs e entidades deportivas, e a permanencia neles de adestradores, monitores, técnicos e incluso deportistas, debido a que o seu labor altruísta e voluntario estase equiparando cunha relación laboral convencional. Isto supón un incremento dos gastos derivados da práctica deportiva que, irremediablemente, vai conducir á desaparición de moitos clubs de base por ser incapaces de facer fronte ás esixencias económicas”.

Este plan de apoio económico e mellora do deporte base conterá as medidas oportunas para asegurar o mantemento da consolidada rede de voluntariado no deporte, que realiza un labor altruísta, de maneira que a compensación económica que recibe polos gastos que lle ocasiona a actividade desenvolvida, de ningún xeito poidan ser considerada como un salario.

Rivera Capón engadiu que “unha vez establecido este plan, instamos ao Ministerio de Emprego e da Seguridade Social, a desenvolver unha normativa en materia laboral que teña en conta a importante labor social e integradora que desenvolven adestradores, técnicos, ou voluntarios no eido do deporte base”.

Na provincia de Lugo existen un total de 2000 clubs de base, inscritos, que non son profesionais. Os recursos destes clubs adoitan ser bastante modestos e as retribucións do persoal que colabora con eles redúcense, na maioría dos casos, a cubrir os gastos necesarios para realizar a actividade.

Etiquetas