Skip to main content
Actualidade

A Deputación amplía o programa de promoción da artesanía na provincia

Por 6 Abril, 2018Sin comentarios

A voceira do Goberno, Pilar García Porto, avanzou este venres a aprobación en Xunta de Goberno da programación Promoción da Artesanía 2018, á que o Goberno da Deputación duplicou os fondos nesta anualidade ata chegar aos 57.000 euros, o que permitirá ofrecer máis dun centro de cursos e demostracións de artesanía tanto a Concellos como a Asociacións. Cómpre lembrar que o Executivo da Deputación asume todos os custos de organización e celebración do conxunto de actividades, dirixidas a impulsar e promover o sector artesanal da provincia. Os interesados en participar deberán presentar as súas solicitudes no Rexistro Xeral da Deputación. A vindeira semana, en www.deputacionlugo.gal haberá un espazo con toda esta documentación, bases e anexos, así como coa información de prazos de solicitude.

O programa Promoción da Artesanía 2018 conta cun orzamento de 57.000 euros divididos en dúas liñas:

– A liña de cursos e eventos artesáns, dotada de 44.000 euros. A través desta liña o Goberno da Deputación financiará a celebración de eventos de promoción da artesanía como encontros ou feiras; así como cursos de traxe tradicional popular, coiro, encaixe de palillos, cestaría, fotografía, instrumentos musicais, talla de madeira, tornaría, tear, olaría tradicional, cantaría, encadernación, pinturas e revestimentos decorativos, papel, papel artesanal, escenografía ou monicreques.

Logo de ter aprobadas as bases, e tal e como indica a normativa vixente, serán enviadas á Base Nacional de Subvencións para seren publicadas posteriormente no BOP e abrir o prazo de solicitude, previsiblemente, en dúas semanas.

Serán os propios concellos e asociacións os que solicitarán estas axudas. A concesión das mesmas rexeranse por concorrencia competitiva, e decidirán en que tipo de evento destinar as axudas da Deputación. Para iso, colgarase na web da Deputación www.deputacionlugo.gal o modelo de solicitude que deberá ser presentado no Rexistro Xeral da Deputación.

Trátase dun modelo co que se busca dotar aos municipios e asociacións, que son os que mellor coñecen as súas necesidades, de autonomía na hora de decidir a temática ou a tipoloxía dos cursos a celebrar nos seus Concellos.

– A liña de demostracións en vivo, dotada de 13.000 euros. A través desta liña, financiaranse unhas 40 demostracións en vivo: coiro, olaría, cestaría, cantaría, forxa, talla de madeira, torno, tear e creación de espectáculos de monicreques, ampliando tamén o número de disciplinas á totalidade das recoñecidas oficialmente. Son demostracións que ofrece a Deputación e que escollen posteriormente os beneficiados.

O vindeiro martes publicarase esta liña de axudas no BOP, o que permitirá abrir o prazo de solicitude das mesmas o propio mércores.

Cada demostración deberá ser dun mínimo de 4 horas, será financiada en solitario polo organismo provincial con 300 euros. Isto implica que, en total, serán ao redor de 1.200 horas de demostracións.

Para solicitar estas axudas ás demostracións hai dous tipos de inscricións:

– A primeira: dirixida a todos os artesáns interesados en ofrecer as demostracións. Os participantes, quedarán inscritos nunha bolsa á que o organismo provincial recorrerá á hora de celebrar estas demostracións, co fin de garantir a igualdade de participación dos mesmos. A elección destes profesionais farase por rigorosa orde de solicitude e entrada en dita bolsa. Deberán cumprir ademais cos requisitos que se establecen nas bases.

– A segunda: será para todos os Concellos e asociacións da provincia, aos que van dirixidas estas demostracións. Poderán solicitar algunha das demostracións existentes que ofrece a Deputación e que son totalmente gratuítas para eles.