A rebelión dos vellos

Por Pablo Veiga

Sen dúbida, o mes de marzo do presente ano foi período de reivindicacións. Primeiro, aproveitando a celebración do día internacional da muller, puidemos ver unha enorme marea morada nas rúas e prazas das grandes, medianas e pequenas cidades, así como tamén nas vilas e pobos, onde a metade da poboación fíxose notar, manifestándose e levando a cabo paros e folgas que constituíron todo un éxito. 

A continuación, viñeron os pensionistas, que na Galicia son un de cada tres, os que non calaron a boca ante esa subida do 0,25 % que comprobaron cando lles chegou a correspondente notifición da Seguridade Social, asinada pola señora ministra. Todo o contrario, ó longo e ancho do Reino de España, elevaron a súa voz e amosaron un nada disimulado enfado. Ó igual que no caso das mulleres, observamos manifestacións multitudinarias onde se palpaba o cabreo monumental dos propios pensionistas pola contía dos seus honorarios e do conxunto dos cidadáns, que nun futuro, máis ou menos próximo, chegarán a esa condición e temen que a situación sexa aínda moito máis insegura cá actual.

A un resúltalle, en primeiro lugar, gratificante que un sector como o do chamado terceira idade deixe a un lado ese estado de resignación, asentindo e dando todo por ben feito, por un máis inconformista e belixerante. Asistimos a unha xeración de vellos que naceron nos duros tempos da pots guerra, que se esforzaron nos seus tempos mozos para saír adiante sen que ninguén lles regalase nada, que moitos deles emigraron a lugares descoñecidos e outros tantos quedaron nas aldeas que os viron nacer, facendo País, innovando e progresando, modernizando explotacións gandeiras tradicionais ata convertilas en empresas produtoras. Aqueles homes e mulleres, pais e nais da xeración “baby boom” –nacidos entre os anos sesenta e setenta- que hoxe reciben a súa pensión tras moitos anos taballados e cotizados. Son as persoas maiores que xa non din a todo que si e que afirmaban ter máis do que merecían, senón que queren exercer e esixir os seus dereitos como cidadáns que son. É un feito obxectivo ó que lle debemos dar a benvida, un lento pero real cambio de mentalidade que colleu de sorpresa ós gobernantes. En segundo lugar, o realmente importante desta protesta, o presente e futuro do sistema público de pensións e a súa viabilidade a uns anos vista. E aquí, coma sempre á hora de falarmos de solución, un non acaba de atopalas. Moito ruído e arroutadas duns e doutros, esbardallando afeito pero sen debuxar unha estratexia real que alomenos nos tranquilece un pouco, ós pensionistas de agora e ós de mañá. Porque a realidade é a que todos vemos, cuns indicadores demográficos nada favorables, un índice de desemprego aínda considerablemente elevado e uns traballos caracterizados pola precariedade. Todos estes factores non invitan ó optimismo, polo que cumpriría respostas en forma de medidas axeitadas ó problema plantexado.

Os vellos de hoxe estanse a revelar, por eles e polos que están vindo atrás. Xa non son os caladiños. Cómpre telo presente.

Etiquetas